29 de xul. de 2021

MOAÑA

SUSPÉNDESE O XV ENCONTRO DE EMBARCACIÓNS TRADICIONAIS


O Comité Organizador do XV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia nun momento da reunión na que decidiu a suspensión do evento

Foto: Culturmar

 O Comité Organizador do XV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, reunido hoxe con carácter de urxencia, decidiu a suspensión do evento debido á situación sanitaria na vila. A continuación reproducimos o comunicado feito público por este Comité e en breve completaremos esta información con todos os detalles.

Comunidado: Suspensión do XV Encontro de Embarcacións Tradicionais


 O cambio de situación epidemiolóxico do Concello de Moaña, de nivel medio de restricións a nivel alto anunciado hoxe pola Xunta de Galicia, vendo a tendencia á alza dos datos de casos activos en Moaña e na área sanitaria de Vigo, ante unha posible entrada no nivel extremo na vindeira semana, desde o comité organizador avaliamos que non se dan as circuntancias favorables para desenvolver con plenas garantías o XV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia.

 Desde a organización levamos máis dun ano traballando no evento, intentando por todos os medios e ata o último momento celebrar o Encontro, que contribuiría a dinamizar a economía local, a que Moaña desfrutase da cultura e do patrimonio marítimo pesqueiro galego, a mostrar a quen nos visitase a nosa esencia de vila mariñeira; mais a situación sanitaria na que está inmersa Galicia fainos tomar unha decisión difícil e complexa. 

 Somos conscientes de que hai tripulacións e delegacións que xa están en camiño, persoas voluntarias comprometidas coa celebración, colectivos e entidades colaboradoras, por iso lamentamos moito as molestias que lles poida ocasionar esta suspensión e pedimos desculpas polas mesmas.

 Por último, queremos agradecer e recoñecer a todas persoas, entidades e patrocinadoras desta edición o seu compromiso e a súa colaboración. 

Comité Organizador do XV Encontro de Embarcacións Tradicionais

Ningún comentario:

Publicar un comentario