26 de xul. de 2021

A GUARDA

A Guarda vibrou coa música blues

• O Festival “A Guarda Mar de Blues” trouxo á vila a recoñecidos artistas internacionais como Marcos Coll & Javier Turner, The Peter Storm & The Blues Society e  Jay Doe & The Blues Preachers


Aspecto que presentada a Praza de Reló na primeira edición do festival musical “A Guarda Mar de Blues”
Fotos: C.A.G.

Infogauda / A Guarda  

 A pasada fin de semana a Praza do Reló acolleu a primeira edición do festival musical “A Guarda Mar de Blues”, co cal a vila guardesa, ademais dos seus atractivos turísticos e culturais, quixo ofrecer á súa veciñanza e visitantes, a oportunidade de ver en directo, artistas e bandas de proxección internacional dentro do panorama musical do blues.   

 Deste xeito “A Guarda Mar de Blues” naceu a partir desa idea, a de facer da Guarda non só un lugar fermoso, con singularidades para desfrutar da boa vida, senón tamén cultural, ao redor da música en directo.  

 Nesta primeira edición e debido á situación pandémica, foi un grupo moi reducido de persoas as que puideron asistir ao evento e que gozaron en directo con artistas internacionais como Marcos Coll & Javier Turner, The Peter Storm & The Blues Society e  Jay Doe & The Blues Preachers. 

 



 Na xornada do venres 23 de xullo subían ao escenario Marcos Coll & Javier Turnes e The Peter Storm & The Blues Society, encargados de abrir esta primeira edición dun festival que, sen dúbida, volverá a celebrarse en vindeiros anos e que se pretende consolidar. 

 Xa na xornada do sábado 24 de xullo realizouse unha das actividades nas que os músicos máis conectaron cos asistentes, sobre todo cos máis cativos mediante unha clase maxistral con Marcos Coll, na que puideron aprender a usar unha armónica xunto cos músicos. 

  



 Pola noite tocaba o turno de voltar ao escenario cos concertos de Marcos Coll & Javier Turnes e de Jay Doe & The Blues Preachers, encargados de poñer o broche final a unha primeira edición cargada de boas sensacións, emocións e desfrute por parte dos asistentes e músicos participantes. 

 A concelleira de Cultura, Mª Montserrat Magallanes, valorou moi positivamente esta primeira edición de “A Guarda Mar de Blues”, recoñecendo “desfrutei moito estas dúas xornadas de blues”, e memos tempo facendo fincapé "no compromiso das persoas que estaban detrás de que este evento chegase á Guarda, e da súa implicación co proxecto para que saíse ás mil marabillas". Tamén agradeceu aos diferentes servizos que colaboraron na planificación e no desenvolvemento neste “A Guarda Mar de Blues”, ao servizo de Cultura, servizos municipais, Policía Local e GES. “Fago extensivo o meu  agradecemento a Óscar e Alba, de River Bucks e a todos os que estes días colaboraron neste evento”. Magallanes tamén agradeceu aos músicos Marcos Coll e a Javier Turnes por “sacarnos tantas sorrisos, aplausos e facernos desfrutar da boa música. Estivéchedes magníficos”.  

 Pola súa banda Rafael Álvarez, concelleiro de Turismo, quixo poñer de manifesto que "unha vez máis o éxito vén da man de complementar esforzos entre un colectivo cunha ampla experiencia na organización de eventos coma a Asociación River Bucks e unha institución coma o Concello de A Guarda, xerando sinerxías que traen como resultado un festival en pequeno formato, limitado polas restricións covid, pero cunha excelente calidade musical e artística, que puxo no mapa a nosa vila no mundo do Blues e que, pretende dar continuidade, misturando este festival co Festival de Blues de Fisterra, a través do Camiño Portugués pola Costa." 

 Óscar Martínez, representante da Asociación River Bucks, agradeceu "a implicación do Concello de A Guarda para que o festival vise a luz e que os veciños e visitantes puidesen gozar da calidade excepcional dos músicos e artistas convidados nun entorno privilexiado como é a Praza do Reló en dúas noites para nós máxicas”. Tivo palabras de agradecemento tamén para os nenos e nenas que participaron na clase mestra do sábado. “Con  só a vosa  presenza, o voso sorriso e a vosa ledicia o remate da clase, xa valeu a pena todo o esforzo realizado.” Rematou agardando que “A Guarda Mar de Blues” sexa un lugar de encontro onde vir e esquecerse dos problemas cotiás por uns días. 

 Longa vida ao "Mar de Blues".  

 O evento foi totalmente gratuíto, organizado dende as concellerías de Cultura e de Turismo do Concello de A Guarda en colaboración con River Bucks Asociación Cultural, Cervezas Alhambra e Hohner Music.

Ningún comentario:

Publicar un comentario