POPULARES DA GUARDA: “O BNG DA GUARDA PRETENDE DESTRUÍR A SENDA LITORAL DO PORTO CANDO AÍNDA ESTÁN EN ESTUDO E NEGOCIACIÓN OUTRAS ALTERNATIVAS”
Roberto José Álvarez Carrero (portavoz do Grupo Municipal do PP no Concello): “O famoso “proxecto do BNG da Guarda” iníciase nomeando de novo alcalde ao Sr. Antonio Lomba, cando dixeron durante a súa campaña que eles ían a por a alcaldía”.
Infogauda / A Guarda
“O BNG da Guarda pretende destruír a senda litoral do porto cando está en negociación, estudo e tramitación outra alternativa pilotada pola Deputación de Pontevedra onde, por certo, gobernan xuntos PSOE e BNG”, vén de afirmar Roberto José Álvarez Carrero, concelleiro portavoz do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de A Guarda
Álvarez Carrero sinala que “o famoso “proxecto do BNG da Guarda” iníciase nomeando de novo alcalde ao Sr. Antonio Lomba, cando dixeron durante a súa campaña que eles ían a por a alcaldía. Despois, no canto de pactar un programa de goberno, repartíronse poltronas e cadeiras de brazos de mando para continuar asignándose 210.000 € en salarios. E, dada a súa incapacidade e inflexibilidade, ao primeiro contratempo foxen despavoridos deixando a Lomba e ao seu equipo con patente de corso para gobernar A Guarda pois eles “non teñen nada que falar” con Carrero nin co seu grupo. Iso si, por se non quedaba claro á cidadanía guardesa, seguen dicindo que a culpa é do PP e do Sr. Antonio Lomba cando é o propio BNG da Guarda quen sostén a Lomba e o seu equipo no goberno.
E agora, a deriva do BNG da Guarda chega ao extremo de pretender destruír a senda litoral que une o Porto coa Praia do Muíño cando existen varias alternativas en estudo, negociación e tramitación sen que haxa nada acabado nin definitivo”.
O portavoz do Grupo Municipal do PP no concello guardés refire ademais: “A senda litoral que une o Porto coa Praia do Muíño ten un valor económico superior a 456.000 € e destruíla supón prescindir dun patrimonio que temos os guardeses e guardesas. A maiores, a senda litoral é parte dun Sendeiro Azul que comunica as praias con Bandeira Azul do Muiño e Area Grande cuxa característica é a calidade ambiental e mobilidade sustentable para peóns, circunstancia que quedaría altamente mermada de executar unha obra para tráfico de vehículos pesados, mercadorías portuarias, etc. Pero ademais, esta senda forma parte do roteiro das cetarias que destaca a importancia etnográfica e patrimonial da nosa localidade, sen obviar que, actualmente, a senda litoral é un paseo marítimo con tráfico acougado, sen circulación de pesados, frecuentado por bicicletas, peóns, deportistas, etc. Así mesmo, a deterioración ambiental para o litoral implicaría consecuencias negativas na flora, o marisqueo, a pesca deportiva, os paseos, etc. ”
Os populares seguen apuntando que “a saída sur do porto é unha infraestrutura fundamental para a nosa vila pero pecharse en banda a outras alternativas que, insistimos, están aínda en negociación e tramitación non parece sensato. Ademais, basear só unha alternativa no impacto económico e nun informe aínda susceptible de ser revisado e negociado non parece serio nin con criterio. Outros intereses deben primar sobre o económico - medioambiente, deporte, lecer, convivencia, benestar peonil, seguridade, etc.-
En calquer caso, temos a experiencia de que ao BNG da Guarda interésanlle máis os diñeiros e salarios que o benestar dos seus veciños. Sen esquecer as súas operacións de márketing político que son farto coñecidas: Concepción Arenal sentido único –e pechamos a rúa-; Antonio Lomba cobra moito –e duplicamos os salarios-; BNG vai a por a alcaldía –e facemos alcalde a Antonio Lomba-; paremos escándalo de Fínola –e non negociamos nada diso cando gobernamos-, etc. Así que xa sabemos perfectamente cal é o proxecto do BNG da Guarda”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario