17 de xul. de 2021

A GUARDA

Na praia do Forte (Camposancos) 

Xa locen os distintivos de Bandeira Azul e de Ecopraia

• Tamén foille adxudicado o distintivo de Sendeiro Azul, o camiño que une a praia do Forte e a praia de Area Grande  

O alcalde de A Guarda coa técnica de Turismo do concello e os socorristas, coa Bandeira Azul concedida, un ano máis, a praia do Forte (Camposancos)

Foto: C.A.G.

 Infogauda / A Guarda

 Esta semana, concretamente o xoves día 15 de xullo, izouse a Bandeira Azul na Praia do Forte (Camposancos), tendo que renunciar ao distintivo na praia Area Grande ao non poder cumplir co compromiso do servizo de socorrismo. Ante a dificultade de completar a plantilla dos socorristas necesaria para dar servizo de salvamento nas dúas praias, desde o equipo de goberno municipal acordouse que a praia do Forte dispoña do servizo de luns a domingo de 12.00 a 20.00h e tentarase atender tamén con socorristas a praia de Area Grande sempre que sexa posible, durante as fins de semana.  

 Asemade, un ano mais volveuse a izar na praia do Forte o distintivo de Ecopraia concedido por ATEGRUS - Asociacion técnica para la gestión de residuos y Medio Ambiente. O emblema Ecopraia recoñece o esforzo da limpeza manual das praias xa que non se emprega maquinaria que remova a area, e dese xeito respectar o fráxil ecosistema dunar.

 A praia do Forte, dispón dos servizos esixidos por Bandeira Azul como paneis informativos, análise de augas, servizo de limpeza e de recollida de residuos, duchas e aseos, e o servizo de salvamento e socorrismo dende o venres día 9 de xullo. Ademais esta praia fluvial está acondicionada para persoas con discapacidade con pasalela accesible e cadeira anfibia que facilita o baño aos usuarios que o soliciten.    

 O concello de A Guarda quere resaltar o esforzo realizado para a súa concesión no referente o mantemento e mellora das actuacións e servizos a pesar da dificultade na contratación dos socorristas.    

 Como xa informamos oportunamente neste xornal dixital transfronteirizo, no mes de maio a Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC), e a rama española da Federación Europea de Educación Ambiental (FEE) fixeron público a listaxe de todas as bandeiras azuis que se concederon no territorio español para esta tempada de verán.  As praias de O Forte e Area Grande, do Concello de A Guarda recibiron o distintivo de bandeira azul como recoñecemento á calidade medio ambiental e aos servizos que ofertan. Ademais foille concedido o distintivo Sendeiro Azul, ao camiño que une estas dúas praias.

Ningún comentario:

Publicar un comentario