15 de xuño de 2021

TURISMO

Volven as rutas guiadas polos muíños do Folón e do Picón e a Senda dos Pescadores   

· O Concello do Rosal organizará 26 saídas durante os meses de xullo e agosto para grupos reducidos  acompañados por un guía especializado  

· Haberá tres modalidades, unha delas dirixida a público familiar   


Vista dun conxunto etnográfico da ruta do muiños do Folón e do Picón
Fotos: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal volve traer este verán unha proposta de lecer para desfrutar da natureza coñecendo un pouco máis o patrimonio cultural e etnográfico do municipio. Deste xeito, durante os meses de xullo e agosto organizaranse un total de 26 visitas guiadas polos muíños do Folón e do Picón e pola Senda dos Pescadores que se dividirán en tres modalidades diferentes, unha delas dirixida a público familiar.  

 As persoas interesadas poden inscribirse xa nas: - Visitas guiadas á ruta dos muíños do Folón e do Picón (PR-G 94), de 3,5 quilómetros de percorrido, homologada pola Federación Galega de Montañismo e na que se afondará na descrición e historia dos muíños. 

- Visitas guiadas para familias nos muíños, con percorrido e contidos adaptados á idade das persoas participantes e onde cativas e cativos terán que ir resolvendo unha serie de probas axudados polas súas familias. Está indicado para menores de entre 4 e 8 anos. 

- Visitas polo Sendeiro de Pescadores Río Miño-Tamuxe (PR-G 112), unha ruta de 7,2 km homologada pola Federación Galega de Montañismo e na que se irá facendo unha descrición e explicación da fauna e da flora e da historia das diferentes parroquias que atravesa. 


A ponte do Tamuxe, un dos emblemas do Rosal que pode coñecerse de preto no Sendeiro dos Pescadores 

 Son todas rutas homologadas para grupos reducidos nas que as persoas participantes coñecerán estes recunchos do Rosal da man dun guía especializado e acreditado pola Xunta de Galicia. Para garantir as distancias de seguridades entre asistentes e cumprir con todos os protocolos de prevención, os grupos estarán limitados a 15 persoas. Recoméndase levar calzado cómodo e unha botella de auga e o uso de máscara será obrigatorio. 

 As rutas terán un custe de 2 euros por persoa e todas as persoas interesadas deberán inscribirse previamente na web municipal, incluídos os menores, que tamén deben pagar e facer a pertinente inscrición. As persoas interesadas poderán reservar a súa praza ata dúas horas antes do inicio da ruta e abonar o prezo do banco. A reserva só será válida unha vez sexa efectuado o pago e, para maior seguridade, é obrigatorio levar o ticket de reserva e o xustificante de pago.  

Información turística 

 As medidas preventivas para evitar o contaxio da COVID-19 desaconsellan tanto a presenza de público en espazos reducidos como o reparto de material informativo en papel, polo que o Concello do Rosal decidiu non abrir ao público de novo este ano a oficina de turismo situada ao pé dos muíños do Folón e do Picón. A información estará dispoñible en paneis informativos ao longo da ruta, que conta con sinalización vertical con toda a información relevante, con diferentes zonas nas que a través dun código QR poden visualizarse vídeos ou obter información sobre diferentes puntos do sendeiro. Toda esta información tamén pode consultarse na páxina web municipal. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario