16 de xuño de 2021

TOMIÑO

O SAT do Baixo Miño súmase á conmemoración do Día da Atención Temperá  

· O servizo funciona en Tomiño dende o ano pasado co obxectivo de que as familias usuarias poidan ser tratadas na propia comarca, sen ter que trasladarse até Vigo  

· Nos meses que leva funcionando o servizo, atenderon case 60 casos dos catro concellos que forman a Mancomunidade, e teñen outros 40 en lista de agarda   


De esq. a der.: Andrea Álvarez e Sonia Mª García do Servizo de Atención Temperá (SAT) Baixo Miño
Fotos:C.T.

Infogauda / Tomiño

 O SAT Baixo Miño súmase á conmemoración, hoxe, do “Día da Atención Temperá”. A unidade comezou a funcionar nos últimos meses do ano pasado. Creado pola Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño (constituída polos concellos de A Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui), o obxectivo da unidade é que as familias que teñan menores con dificultades de aprendizaxe, poidan ser tratadas na propia comarca, sen ter que trasladarse até Vigo.  


De es.q a der.: Sara Roldán e Paula Hernando, traballadoras do SAT Baixo Miño

 O equipo de profesionais que forman o SAT Baixo Miño ten a súa sede no edificio de Benestar Social do Concello de Tomiño. Coordinado pola psicóloga Andrea Álvarez, o servizo está especialmente destinado a familias con fillos ou fillas de entre 0 e 6 anos que precisen o establecemento de pautas e estratexias que promovan a súa normalización, a través de intervencións planificadas por un equipo interdisciplinar. 

  "A acollida foi marabillosa e existe unha demanda moi importante", comenta a coordinadora da unidade. Nos meses que leva funcionando o servizo tivo unha demanda acumulada de 88 casos (37 de Tomiño; 26 de Tui; 18 da Guarda e 7 do Rosal) e 33 familias en lista de espera, o que da unha idea da necesidade existente deste tipo de apoio. En canto á distribución da demanda, un 79% da mesma foi atendida polo servizo de logopedia; un 66% polo de psicoloxía e un 42% polo de fisioterapia.  

 Potenciar a autonomía e o desenvolvemento psicomotriz, tratar dificultades da linguaxe ou problemas de comunicación (por trastornos como o TEA, falta de audición, etc.), a través dunha terapia lúdica, activa e motivadora, son só algúns dos obxectivos que ten o equipo do que tamén forman parte Sonia García (logopeda) e Paula Hernando (fisioterapeuta).  

 Para máis información ou solicitude de cita previa, as persoas interesadas poden chamar ao teléfono 886 156172 ou enviar un correo electrónico a atenciontempranamibm@cogami.gal

Ningún comentario:

Publicar un comentario