14 de xuño de 2021

TOMIÑO

O Concello de Tomiño forma a dez persoas desempregadas no manexo de plataformas dixitais  

· Durante 15 horas, as participantes aprenden a moverse por Internet para acceder a procesos selectivos de emprego, elaborar currículos en liña ou manexar as nubes 

  

A alcaldesa, Sandra González Álvarez, no acto de clausura do curso e entrega dos diplomas
Fotos: C.T.

Infogauda / Tomiño

 “Recursos dixitais para a busca de emprego” é o curso de 15 horas que foi organizado polos departamentos de Benestar Social e Orientación Laboral do Concello de Tomiño, co obxectivo de formar a dez persoas desempregadas usuarias dos servizos, os manexo das principais plataformas útiles para a busca de traballo (Linkedin, Infojobs, Randstad, Adecco, etc.), ou aquelas propias de empresas con procesos de selección abertos.  

 O obxectivo do Concello foi o de dotar ás persoas usuarias dos servizos sociais de ferramentas dixitais que lles permitan acceder ao mercado laboral. “Hoxe en día, a maioría das ofertas e demandas de emprego realízanse a través de internet; e se non manexamos as plataformas online non podemos acceder en igualdade de condicións que outros colectivos”, explica a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Educación, Cristina Martínez.  


As persoas seleccionadas tiveron que acudir ás instalacións da Aula CeMit de Tomiño para recibir as clases impartidas por unha academia especializada

 As dez persoas seleccionadas polos servizos de Benestar e Orientación son na súa grande maioría mulleres de mediana idade que levan en paro moito tempo. Durante a semana pasada, tiveron que acudir ás instalacións da Aula CeMit de Tomiño para recibir as clases impartidas por unha academia especializada. Unha media de 3 horas por día, nas que aprenderon como moverse polas distintas redes e plataformas ou presentar a súas candidaturas. Elaborar un currículo en liña e manexar nubes para a xestión de datos persoais, foron outros dos aspectos abordados.  

 

O acto tivo lugar no Salón de Plenos do Concello

 Este mediodía celebrouse no Salón de Plenos do Concello a clausura e entrega de diplomas. Presidiu o acto a alcaldesa Sandra González, acompañada da concelleira de Benestar Social e da orientadora laboral do Concello.   

 Entre as alumnas que recibiron o seu diploma, atopábase Laura González, veciña de Goián, ama de casa, desempregada e con dous fillos de 13 e 7 anos, que fixo o ciclo superior de FP administrativo, pero debido ás obrigas familiares e problemas de saúde non puido traballar nos últimos anos. Este curso foi para ela decisivo na súa reciclaxe no mercado laboral e tras os primeiros intentos de atopar emprego a través de internet, xa ten a súa primeira entrevista en Baiona.  

 Un caso similar é o de María Pérez (veciña de Tomiño centro), moi contenta co curso, sobre todo, por poder agora moverse polas páxinas de supermercados e outras empresas con ofertas de traballo. Licenciada en filoloxía francesa, traballou en atención ao público e recepcionista, pero quedou no paro en decembro do 2020. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario