A CIG-SAÚDE DA COMARCA DE VIGO DENUNCIA A AUSENCIA DE REFORZOS DE COSTA NO VERÁN
A CIG-Saúde da Comarca de Vigo denuncia a ausencia de contratación de reforzos de costa no período estival para a atención ás persoas desprazadas de fora da área sanitaria.
Ate o momento víñase reforzando o persoal sanitario (médico e/ou de enfermaría) por motivo do aumento de poboación, nomeadamente nas zonas costeiras (Cangas, Redondela, Val Miñor, Baiona e A Guarda). A xustificación das necesidades do reforzo ben dado polo aumento de poboación que se da nestas vilas, que nalgún dos casos chega a triplicarse.
Ademais, este ano coincide con Ano Xacobeo e a maioría destes núcleos contan con distintas rotas do Camiño de Santiago. Asumindo, polo tanto, o persoal dos centros de saúde e PACs, non so o aumento de poboación senón tamén a eventual asistencia de peregrinos que percorren a zona.
Nos centros de saúde vívese a ausencia de reforzo de costa con incerteza e preocupación, ao teren que asumir a asistencia o persoal dos propios centros, e nos que o cadro de persoal vese diminuído polos permisos de vacacións e a falta de substitucións, nalgúns casos de meses de duración. Así mesmo vai supor un aumento nas listas de espera dos distintos centros, nalgún dos cales supera xa na actualidade os 15 dias.
Diante desta situación, a Xerencia da Área Sanitaria non informou de ningunha medida específica para organizar a atención a este aumento previsible da demanda, contando con menos recursos humanos, máis alá de pechar centros de saúde en horario de tarde.
A esta falta de medidas de carácter asistencial, súmase a supresión de dereitos de solicitude de permisos a dúas categorías deficitarias como son a de Medicina Familiar e Comunitaria e a de Enfermaría. Estas medidas, de perda de dereitos laborais, deixaron de ser “excepcionais” e o que se converte nunha excepción son os períodos do ano nos que se poden gozar.
As medidas de recorte de dereitos e de persoal nos centros de Saúde están a supor unha traba para a permanencia de residentes, sendo este o peor dos anos, no que só 4 de 20 quedaron na Área Sanitaria ante ofertas mellores en outras Áreas e Comunidades.
Esta situación empeora con moito o déficit de persoal médico, deixando a maior parte dos centros de Atención Primaria sen cobertura do 100 do persoal desta categoría.
Do mesmo xeito alégase o déficit de enfermaría para non realizar reforzos de costa, cando se levan anos co deterioro das condicións de traballo, perda de dereitos, nomeadamente das enfermeiras contratadas, ás que non se lles permite a suspensión de chamadas por estar traballando en centros privados, por estudios ou outras situacións xustificadas, e nas que un elevado número están sancionadas. Este colectivo busca alternativas distintas ao SERGAS pola falta de estabilidade nos contratos e polas condicións de traballo.
Isto supón un paso máis no deterioro da calidade asistencial da Atención Primaria e un aumento na sobrecarga do persoal sanitario e non sanitario dos centros de saúde e PACs.
Dende a CIG-Saúde da Comarca de Vigo demandamos que se oferte maior estabilidade ás profesionais, con contratos estables en centros de saúde e PACs, convocatorias de OPE co 100% das prazas vacantes e a cobertura das prazas estruturais dos centros. Así mesmo demandamos a necesidade de reforzar os centros de saúde e PACs que ven aumentada a súa poboación polo turismo neste período estival.
(R.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario