17 de xuño de 2021

PONTEVEDRA

O PP presenta mocións na Deputación de Pontevedra e nos concellos da provincia para esixir a baixada do prezo da luz ante a pasividade do Goberno  

• Cubela sinala que esta subida histórica é insostible e un lastre para a recuperación económica das familias, moitas en risco de pobreza enerxética, pero tamén para os autónomos e empresas. 

• Reclaman a exención do imposto de produción eléctrica.  


Jorge Cubela, voceiro do grupo provincial do Partido Popular na Deputación de Pontevedra, acompañado polas deputadas Paz Lago e Mª Carmen Amoedo
Foto: P.P. PO.

Infogauda / Pontevedra 

 O Partido Popular presentará mocións na Deputación de Pontevedra e nos concellos da provincia para instar ao Goberno central a baixar o prezo da luz actuando sobre determinados impostos e custes regulatorios.  

 O voceiro do grupo provincial, Jorge Cubela, sinala que “esta transición enerxética improvisada e desordenada do Goberno están tendo consecuencias moi negativas para toda a provincia”. Así, di que as familias “vén como se está incrementando a factura eléctrica mentres a única recomendación que lles fai o Goberno é poñer a lavadora ás doce da noite”. Tamén afecta aos autónomos, “que coas novas tarifas por horas son un dos colectivos máis prexudicados, pois os tramos máis caros coinciden cos seus establecementos abertos”. E para o tecido empresarial “que cada vez compite en peores condicións co resto de países europeos”.  

 Por iso, considera que o aumento desproporcionado do prezo da electricidade, que onte volveu a rexistrar subas históricas e sitúa xa o mes de xuño como o mes máis caro desde que hai rexistros, está arroxando a centos de familias á pobreza enerxética e convertendo tarefas cotiás e necesarias en actividades de luxo. Pero tamén está castigando, continúa Cubela, a todos os autónomos e negocios que deberían comezar a recuperarse e están afrontando sobrecustes enormes porque precisan consumir enerxía todo o día.  

 Dese xeito, os populares levarán unha moción para o seu debate aos plenos provincial e dos concellos da provincia para solicitar unha rebaixa no prezo da electricidade. Así, instan ao executivo a rebaixar o tipo de gravame do Imposto sobre o Valor da Produción de Enerxía Eléctrica do 7% ao 0%, modificar a Lei do Sector Eléctrico para, entre outras cousas, que determinados custes regulatorios que se trasladan á factura eléctrica sexan financiados íntegramente con cargo aos orzamentos xerais do Estado, así como facilitar a comprensión do recibo e poñer en marcha de xeito inmediato unha campaña de información aos consumidores que explique de forma sinxela e comprensible a nova tarifa da luz.

Ningún comentario:

Publicar un comentario