11 de xuño de 2021

PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA REUNIRÁ MAÑÁ SÁBADO A COLECTIVOS MEMORIALISTAS E AOS GRUPOS DO PARLAMENTO DE GALICIA, NA XORNADA DE TRABALLO ‘GALIZA TEN MEMORIA: POLÍTICAS PÚBLICAS’   

· Poranse en común as propostas dos partidos e presentarase o catálogo de actividades que o departamento de Memoria Histórica provincial ofertará a concellos e asociación neste 2021



  

Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra celebrará mañá sábado unha xornada de traballo baixo o título ‘Galiza ten memoria: Políticas Públicas’ na que participarán colectivos memorialistas da provincia de Pontevedra e representantes dos tres grupos do Parlamento galego. Nela abordarase a situación actual da Memoria Histórica en Galiza, as súas eivas e necesidades, así como as propostas de actuación por parte dos grupos parlamentares.  

 Presidido pola deputada de Memoria Histórica da Deputación, María Ortega, no acto intervirán Alberto Pazos Couñago por parte do Partido Popular; Luís Bará por parte do Bloque Nacionalista Galego; e Paloma Castro por parte do Partido Socialista de Galicia. Pola parte dos colectivos memorialistas asistirán representantes da Asociación Amigos de Johan Carballeira, Iniciativa Cidadá pola Memoria Histórica de Vilagarcía de Arousa, Asamblea Republicana de Vigo, Ceaqua, Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36, Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica do Campo de Concentración de Camposancos e Fosa Común de Sestás, Irmandade do Dolmen, Grupo de Traballo sobre Memoria Democrática do Partido Comunista de Galicia - Comarca de Vigo; Memoria Histórica de Marín; A.C. Vagalumes- Terra de Montes; Asociación Comisión Suárez Picallo, Fundación Tilve, Sempre con Vós – Pontevedra, Asociación Levada Libre de Tui, Memoria Histórica de Valga; Iniciativa Galega pola Memoria, e CRMH do Barbanza, como convidada da provincia de A Coruña.   

 Ademais da posta en común das propostas políticas de cada partido e do intercambio de ideas, a xornada –que se desenvolverá entre as 9.30 e as 14.30h no salón de plenos do Pazo Provincial- servirá tamén para que a Deputación de Pontevedra presente o catálogo de actividades que o Departamento de Memoria Histórica pon a disposición dos concellos da provincia e dos colectivos memorialistas para realizar ao longo deste ano. Incluirase a pre-estrea do documental Acorda e a escenificación dunha peza teatral e dun obradoiro do catálogo. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario