10 de xuño de 2021

A GUARDA

A Guarda vai conmemorar o Centenario da Biblioteca Circulante da Sociedad Pro-Monte Santa Tecla

• Un relatorio de Joaquín Miguel Villa dará a coñecer os pormenores desta institución

· O venres día 18 de xuño, ás 20:30 horas,  no Centro Cultural

    


Infogauda / A Guarda

 En xuño de 1921, nove anos despois da súa fundación, a Sociedad Pro-Monte Santa Tecla (1912-1979), por iniciativa de D. José María Lomba Peña - destacado guardés radicado en Puerto Rico - creou a primeira biblioteca pública de A Guarda -  denominada Biblioteca Circulante -, con sede no local do museo arqueolóxico que a devandita entidade - cuxo presidente fundador foi D. Manuel Lomba Peña (A Guarda, 1861 – Madrid, 1933) - inaugurara en 1917 no centro da vila. A Sociedad Pro-Monte Santa Tecla prestaba así un novo servizo cultural á sociedade guardesa da época poñendo ao alcance do público en xeral a lectura de diferentes obras, moitas delas de difícil acceso para a inmensa maioría da xente.  

 Cen anos despois daquela iniciativa, compre lembrar este feito, dándoo a coñecer entre os veciños e salientando o firme propósito da Sociedad Pro-Monte Santa Tecla pola divulgación da cultura na vila da Guarda. Será da man do historiador Joaquín Miguel Villa Álvarez a quen poderemos escoitar seu relatorio, o vindeiro venres 18 de xuño, ás 20,30h. no salón de actos do Centro Cultural da vila, un pouco mais desta institución, cun relatorio que afondará no nacemento e traxectoria  desta institución ata que no 1939 cesou o seu funcionamento.   

 Como en todos os eventos culturais, a actividade ten aforo limitado polo que é preciso anotarse previamente no Centro Cultural indicando nome completo, teléfono de contacto e acompañantes: centrocultural@aguarda.es

Ningún comentario:

Publicar un comentario