9 de xuño de 2021

O ROSAL

As Eiras triplica a súa implicación coa compostaxe individual  

· A parroquia chega case ao 59% de implantación tras o reparto de COINs por parte do Concello. A distribución continuará por Tabagón                                   

Composteiros individuais que facilita o Concello do Rosal

Foto: C.O.R.
             

Infogauda / O Rosal

 O equipo de goberno municipal salienta "á grande acollida por parte da veciñanza dos composteiros individuais (COINs) repartidos polo Concello do Rosal". "Trátase - segundo vén de facer público o executivo local que preside á alcaldesa Ánxela Fernández Callís - dunha acción posta en marcha como parte da estratexia municipal para potenciar a compostaxe individual nas vivendas da localidade e que forma parte dun programa de prevención, recollida separada e valorización dos biorresiduos creado ao abeiro dunha liña de axudas da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa Feder Galicia 2014-2020". 

 Un interese por parte da veciñanza que levou á parroquia das Eiras a triplicar a súa implicación coa compostaxe individual, xa que pasou de ser a zona con menos implantación e apenas un 18% de COINs a ser a máis involucrada e ter case un 59%. Por barrios, os que contan cunha maior porcentaxe de composteiros individuais son os de Os Picóns e Carril, que pasaron de ter un 23 e un 7,14% de COINs a case un 77 e 61%, respectivamente. “Estamos moi contentos coa acollida da xente, que xa se traduce nun aumento moi significativo do número de casas que xa dispoñen do seu propio composteiro. O noso obxectivo é percorrer pouco a pouco todas as parroquias e conseguir a maior porcentaxe de implantación posible”, salienta a concelleira de Medio Ambiente, Sara Vicente Salcidos. 

 O Concello continuará agora co reparto na parroquia de Tabagón e nos vindeiros meses irá pasando polas distintas parroquias. Aínda así, calquera persoa interesada poderá solicitar un composteiro a través da posibiliade de inscribirse na páxina web de Medio Ambiente do Rosal, no apartado de compostaxe, e acudir ao Concello a recollelo.  

 Son composteiros de 400L de volume que irán acompañados de aireador, caldeiro e base antirroedores perfectos para colocar en vivendas que conten cun pequeno espazo. O mestre composteiro ofrecerá a información e o asesoramento técnicos necesarios para poñelo en marcha, aínda que na páxina web tamén se poden resolver as dúbidas e consultar o titoriais de montaxe das unidades.

Ningún comentario:

Publicar un comentario