8 de xuño de 2021

O ROSAL

IRMÁNS FLORES

Os Gaiteiros de Novás

A gaita: elemento de dinamización socio-cultural no Concello do Rosal  

O legado dos irmáns Flores recollido en 220 páxinas  

· Xerardo F. Santomé e Xosé Miguélez presentarán este domingo día 13 de xuño, ás 19.30 h, no auditorio municipal, un libro-DVD sobre a historia destes dous destacados rosaleiros 

 


Infogauda / O Rosal

 “É un xeito de recoñecemento e gratitude cara a dous seres marabillosos e as súas familias”. Con ese obxectivo naceu ‘Irmáns Flores. Os gaiteiros de Novás’, un libro de Xerardo F. Santomé e Xosé Miguélez no que os autores quixeron render unha merecida homenaxe a José e Emilio Flores Costas, dous populares músicos rosaleiros, testemuñas e elementos activos da vida social e cultural dos dous derradeiros terzos do século XX no concello do Rosal e no Baixo Miño.  

 Os autores presentarán esta obra, que contou coa colaboración do Concello do Rosal, este domingo día 13 de xuño, a partir das 19.30 horas no auditorio municipal. O acto celebrarase con aforo reducido e todas as persoas interesadas en asistir deberán reservar a súa entrada a través da páxina web do Concello. A presentación contará con todas as medidas de prevención e seguridade marcadas pola situación sanitaria.  

Recollida da tradición oral 

 O libro recolle o legado dos irmáns Flores, que trascende máis aló das súas interpretacións musicais. Como salientan os autores na introdución da obra, José e Emilio Flores “interviñeron moi activamente na formación persoal de moitas e moitos veciños, algúns dos cales hoxe en día dedícanse profesionalmente á música. Participaron e crearon colectivos que abranguen calquera manifestación de música popular galega. E todo a partir dunha gaita, pois este foi o instrumento co que comezaron e o que espertou toda unha vida dedicada a divertir a un pobo nunha época realmente triste e escura da nosa historia máis recente”. 

 Unha historia que foron recompilando nun longo traballo de campo baseado fundamentalmente na tradición oral de homes e mulleres que abriron de par en par as portas da súa memoria aos dous autores. O resultado é  un relato polifónico no que se percorren lugares e momentos desde perspectivas diferentes dunha historia escrita fundamentalmente a través das narracións dos propios Emilio e José, das súas donas, das súas fillas e fillos e das súas amizades. 

 Xerardo F. Santomé e Xosé Miguélez quixeron completar o libro cun DVD que inclúe un álbum fotográfico; partituras do repertorio dos Flores, entre as que destacan as compostas por José; diversas gravacións de audio e diferentes ligazóns a vídeos dos dous protagonistas cun alto valor documental e histórico. 

Exposición de fotografías na Praza do Calvario


A fotógrafa e profesora Laura Lago - á der. da imaxe - co concelleiro Carlos Villanueva, na Praza do Calvario

Foto: C.O.R.

 Por outro lado, a veciñanza xa pode desfrutar na Praza do Calvario dunha nova mostra ao aire libre. Trátase dunha exposición de fotografía que recolle as espectaculares imaxes captadas por Laura Lago, profesora de Lingua española no IES Antón Alonso Ríos de Tomiño e experta en bolboretas e fotografía de natureza. A mostra poderá visitarse ata o vindeiro 25 de xuño.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario