8 de xuño de 2021

A GUARDA

"As obras no albergue municipal da Guarda avanzan a bo ritmo", afirma o goberno local

• Estas obras realízanse para mellorar a estancia dos peregrinos no albergue municipal da Guarda 

• A previsión é que estean rematadas nun prazo dun mes e que en xullo o albergue se atope preparado para recibir a peregrinos do Camiño Portugués da Costa neste ano Xacobeo 


O alcalde, a tenente de alcalde e o concelleiro de Turismo do Concello de A Guarda, conversan co contratista que está facendo ás obras no albergue municipal

Fotos: C.A.G.

 Infogauda / A Guarda

 O equipo de goberno local vén de facer público que "na xornada do venres día 4 de xuño o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba Baz; a concelleira de Cultura e Patrimonio, Mª Montserrat Magallanes Álvarez e o concelleiro de Turismo, Rafael Álvarez Martínez, trasladáronse ata o albergue municipal para supervisar as obras que se están a acometer neste espazo coa reforma e ampliación dos baños". 

 Estas obras realízanse para mellorar a estancia dos peregrinos no devandito albergue municipal, onde os aseos existentes resultaban reducidos para a capacidade do albergue. 

 Deste xeito optouse - segundo fontes do goberno municipal - por realizar unha ampliación dos mesmos, contando tamén cun baño accesible. Durante o transcurso das obras retiraranse todos os elementos eléctricos, carpinterías, pavimentos e alicatados para realizar a súa total renovación.


Os representantes municipais na súa visita ás obras 

 As obras inclúen tamén un sistema de extracción e renovación do aire deste recinto. 

 Esta actuación está subvencionada a través do Plan de Obras e Servizos do Plan Concellos 2020 Liña 1 da Deputación de Pontevedra. 

 O Camiño Portugués pola Costa, cun forte incremento de peregrinos nos anos previos á pandemia da Covid-19, propiciou que moitas persoas optasen pos pernoctar na Guarda coma primeiro lugar de entrada en Galicia, a través do río Miño, do Camiño a Santiago de Compostela. 

 Compre relembrar que en 2019 o albergue chegou a estar no seu máximo de ocupación, cunha afluencia constante de peregrinos ao longo do verán. 

 Asemade destaca o incremento nun 70% dos peregrinos aloxados no albergue dende a oficialización en 2016 do Camiño Portugués pola Costa ata o 2019. De feito, pola beleza natural e polo súa dotación patrimonial, esta ruta é o camiño xacobeo revelación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario