7 de xuño de 2021

O ROSAL

Comeza a execución das diferentes terrazas que conformarán o ecoparque Campo Novo   

· A alcaldesa Ánxela Fernández e a arquitecta María Fandiño visitaron as obras do proxecto, que manteñen un bo curso   


A alcaldesa do Concello do Rosal e a arquitecta do proxecto, visitaron ás obras de creación do ecoparque Campo Novo
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 As obras de creación do ecoparque Campo Novo, en Viso dos Eidos, continúan o seu bo curso. A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, e a arquitecta responsable do proxecto, María Fandiño, visitaron estes días os traballos deste proxecto que suporá a transformación da zona nun espazo de convivencia para toda a veciñanza.  

 Tras a reforma dos muros perimetrais e o descubrimento, recuperación e integración de antigas minas de auga ao proxecto, os traballo comezan agora a enfocarse na execución das diferentes terrazas coas que contará o ecoparque e que acollerán diferentes usos: xunto a unha zona dedicada a parque infantil haberá outra para merendeiro, unha área de estar e un aparcamento.  

 “Xa se comeza a albiscar o principal obxectivo deste proxecto, que era diferenciar a arquitectura nova da existente”, salienta a arquitecta. Para conseguilo na execución das terrazas empregarase un formigón coloreado con árido visto, de forma que a nova intervención sexa distinta do muro perimetral xa existente. Unha vez rematados estes traballos o seguinte paso será a colocación de plantacións e vexetación e a instalación do mobiliario.  

 Con estes novo ecoparque “poderemos desfrutar xa dun espazo creado pensando na súa contorna e buscando unha integración total. É un exemplo máis da aposta decidida do Concello por dar prioridade á veciñanza e por impulsar proxectos de proximidade”, lembra a alcaldesa. 

 O proxecto contempla a remodelación da zona empregando técnicas naturais e tradicionais e incorporando especies autóctonas relacionadas coa auga, un elemento de grande importancia nesta zona do Rosal. A creación deste ecoparque conta cun orzamento de máis de 93.000 euros cofinanciados a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e de fondos propios do Concello.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario