2 de xuño de 2021

O ROSAL

A alcaldesa e o concelleiro de Vías e Obras, visitaron os traballos de mellora do ramal de San Xián   

· Os traballos foron realizados pola Deputación, que transferirá as competencias desta estrada ao abeiro do convenio para a reforma integral da EP-3303, que une os núcleos da ribeira do Rosal con Goián

· A estrada Tabagón-As Eiras-Goián está xa en fase de adxudicación e prevese que as obras de transformación comecen a finais de verán 


A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, e o concelleiro de Vías e Obras, Germán Fernández, visitaron estes días as obras de mellora que se están a realizar no ramal de San Xián

Foto: C.O.R.
 

Infogauda / O Rosal

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, e o concelleiro de Vías e Obras, Germán Fernández Rodríguez, visitaron estes días as obras de mellora que se están a realizar no ramal de San Xián. Trátanse de traballos de asfaltado e de mellora de muros de contención que realizou a Deputación de Pontevedra neste tramo sobre o que ten competencia e que vai transferir ao Concello ao abeiro do convenio para a reforma integral da EP-3303, que une os dous núcleos da ribeira do Rosal con Goián. 

En fase de adxudicación 

 De xeito paralelo, Concello e Deputación continúan a dar pasos para o arranque da primeira fase do proxecto de transformación radical da estrada entre Tabagón-As Eiras-Goián. O proxecto atópase xa en fase de adxudicación e, seguindo os prazos marcados, prevese que as obras de execución comecen a finais de verán.  

 Unhas obras que suporán “unha transformación do Rosal non só en termos de mellora viaria, senón tamén de mobilidade e de comunicación entre os núcleos rurais”, que, como sinala a rexedora, permitirá seguir camiñando cara a “un novo modelo no que se recuperen espazos para a veciñanza e se fomente unha mobilidade sostible, dándolle prioridade aos peóns, poñendo en valor as persoas e o ámbito rural e contribuíndo a reducir a pegada de carbono”. 

 Nas obras desta primeira fase do proxecto investiranse máis de 650.000€, dos que o 80% serán achegados pola Deputación de Pontevedra e o outro 20% polo Concello do Rosal. Con elas está previsto remodelar un tramo de 1,7 quilómetros dos 4,5 totais, unha zona que conta cun intenso tráfico rodado e cunha importante mobilidade a pé. Os traballos contemplan a creación dun carril peonil e ciclista que se completará cunha plataforma de circulación con dous carrís con beiravía e con redutores de velocidade. Durante as obras tamén se renovará a rede de drenaxe, farase a canalización soterrada da rede de iluminación pública e disporase dunha plataforma única con limitación de velocidade a 20 km/h na zona do CRA María Zambrano.

Ningún comentario:

Publicar un comentario