16 de xuño de 2021

O MORRAZO

A FGAMT-CIG reclama unha ambulancia de reforzo para o 061 do Morrazo, con base en Cangas 

· Trátase dunha demanda histórica do persoal técnico de  emerxencias sanitarias, no que a central sindical ten maioría 

Infogauda / O Morrazo

 A FGAMT e a Unión Local da CIG no Morrazo reclaman a dotación dunha nova  ambulancia para reforzar o 061 na comarca, con base en Cangas, e así llo trasladaron ás  direccións de Atención Primaria de Vigo e do 061. Trátase dunha demanda histórica do  persoal técnico de emerxencias sanitarias - no que a CIG ten maioría - que tamén lle foi  remitida pola central sindical ao consello local de sanidade de Cangas, que referendou o  texto, polo que a Alcaldía enviaralle a solicitude ao 061. 

 Dende a FGAMT-CIG do Morrazo sinalan que esta petición está “sobradamente  xustificada” por múltiples motivos: 

· A poboación da comarca aumenta considerablemente durante o verán, chegando a  triplicarse en Cangas e alcanzando enormes cifras de visitantes nos 37 areais do  municipio. Sen embargo, os recursos dispoñibles son os mesmos que durante o  inverno. 

·  A demanda asistencial é cada ano maior; de feito, no ultimo informe remitido ao  Concello de Cangas polo 061 pódese comprobar como no ano 2020, pese ao notable descenso do turismo, o confinamento da poboación, a paralización da actividade  industrial e comercial e a caída de accidentes de transito provocado pola pandemia,  a ambulancia con base en Cangas foi a única do Morrazo que non descendeu no  número de servizos realizados con respecto ao ano anterior. 

· Segundo confirman os responsables do 061 en declaracións aos medios de  comunicación, máis da metade dos servizos realizados durante os picos de pandemia estaban relacionados coa sospeita ou confirmación de pacientes Covid e tamén  acreditan que se tarda máis do dobre de tempo en poder realizar unha asistencia  completa dun paciente con sospeita ou confirmación Covid. 

· O último informe do Consello Europeo de Resucitación, de 2021, recolle que  durante a pandemia a tardanza na asistencia ao paro cardíaco provocou un descenso  da supervivencia e un aumento das secuelas permanentes polo atraso derivado da  sobrecarga de traballo dos servizos e emerxencias extra-hospitalarios que non foron  reforzados. 

· Da análise dos datos emitidos polo 061 pódese comprobar como se limitan a  referenciar datos de tempos medios de asistencias, evitando intencionadamente falarde cantas veces se tarda en chegar ao lugar da emerxencia, que é o verdadeiro  problema. Nestes datos ofrecidos polo 061 queda claro que cada vez máis as  ambulancias con base noutros concellos diferentes teñen que atender as emerxencias de Cangas, o que aumenta perigosamente o tempo de asistencia. A necesidade de  atención urxente en Cangas chegou mesmo a necesitar da activación de ambulancias dende Vigo, Marín e mesmo Redondela. 

· Sobran os exemplos de casos nos que pola falta de recursos sanitarios, ante unha  emerxencia, se teña que agardar non só a que asistencia sanitaria chegue dende  lonxe, se non que ten que ser a propia Policía local ou Protección Civil os que deban suplir as funcións dunha ambulancia. Tendo que realizar asistencia sanitaria ou  mesmo tendo que recoller e trasladar a persoal sanitario ou persoas feridas. Lonxe  de resultar algo anecdótico, esta labor dos servizos de emerxencia locais resulta cada vez máis habitual. 

 Por iso dende a central sindical aseguran non entender como se pode facer o mesmo traballo de asistencia sanitaria urxente cos mesmos recursos que existen, cando a poboación se  multiplica, a demanda dispárase e o tempo de asistencia chega a triplicarse. 

 “Non podemos permitir que a ausencia dunha ambulancia máis do 061 con base en Cangas  provoque atrasos que fagan aumentar o sufrimento e a desesperanza das persoas, que a súa  saúde se deteriore e que no caso das coñecidas como emerxencias tempo-dependentes  (infarto, Ictus, hipoglicemia, parada cardíaca, etc) a vida das persoas se poña  innecesariamente en perigo”, sinalan. 

 Inciden en que non se pode atender axeitadamente a poboación cos mesmos recursos cando  esta se multiplica, a demanda asistencial aumenta e o tempo de asistencia é maior. Polo que  reclaman que se realicen as xestións necesarias perante a Fundación Pública Urxencias  Sanitarias de Galicia-061 para que poña en funcionamento de inmediato unha nova  ambulancia con base en Cangas para a atención das emerxencias na comarca do Morrazo co obxectivo de garantir unha axeitada e pronta resposta das emerxencias sanitarias

Ningún comentario:

Publicar un comentario