18 de xuño de 2021

MOBILIDADE

Os patinetes e os coches eléctricos, cuestionados como elementos de mobilidade alternativa na facultade Ágora 

· O deputado de Mobilidade Uxío Benítez e as e os relatores destacaron a importancia das mobilidades activas –a pé e en bicicleta- por cuestións de saúde, de seguranza viaria e de recuperación de espazo para as persoas  

 

Uxío Benítez -no centro da imaxe -, deputado de Mobilidade, cos participantes no sexto seminario da Facultade Ágora
Foto: D.PO.


Infogauda / Pontevedra

 O sexto seminario da Facultade Ágora da Deputación de Pontevedra para falar sobre o espazo público puxo hoxe sobre a mesa a necesidade de mobilidades alternativas para desenvolver correctamente as cidades e fomentar a calidade de vida da cidadanía. As expertas e expertos foron claros: é preciso desbotar como solución os patinetes e os coches eléctricos, que só abordan o problema das fontes de enerxía e a contaminación, mais non contribúen a un cambio de modelo no que se potencie a saúde, nin a recuperación de espazos para as persoas, nin a seguranza viaria.  

 Na xornada estiveron presentes o xeógrafo, matemático e técnico urbanista Alfonso Sanz, que traballou como consultor en máis de 30 cidades españolas, colaborando na súa planificación urbanística e de mobilidade; o arquitecto experto en cidades en desenvolvemento, mobilidade sustentable, análise espacial, planificación e modelado de fluxos peonís José Carpio-Pinedo; a ex responsable da Oficina Metropolitana da Bicicleta en Barcelona e coordinadora da Rede de Cidades pola Bicicleta,  que desde marzo 2021 traballa para o Concello de Barcelona como adxunta á xerencia do arquitecto xefe, nos proxectos de transformación urbanística e de mobilidade da cidade, Silvia Casorrán; o arquitecto urbanista e doutor en Goberno e Proxecto do Territorio pola Politécnica de Milán, cuxa tese versa sobre a evolución de la Cidade Difusa das Rías Baixas, Martín Barreiro; e finalmente o enxeñeiro especializado en planificación do transporte e coordinador de Contidos da Facultade Ágora, Fernando Nebot.  

 O deputado de Mobilidade e Espazo Público Uxío Benítez asegurou na súa introdución que nas cidades e vilas é preciso apostar realmente por unha mobilidade activa, camiñar e andar en bicicleta, fronte aos vehículos motorizados e á electrificación. Criticou que os fondos Next Generation de reconstrución trala pandemia estean centrados na aposta polas zonas de baixas emisións e os coches eléctricos, en lugar de realmente plantexar un cambio no modelo urbano que teña como prioridade a cohesión social. "Por que en lugar dunha Lei de Cambio climático non hai unha lei de zonas peonís? Hai realmente unha visión curta das e os gobernantes ou hai tantos intereses creados?", cuestionou.  

 Neste sentido, Alfonso Sanz criticou duramente patinetes e coches eléctricos como solución definitiva á mobilidade nas cidades e destacou que a Lei de Cambio climático afectará ás vilas de máis de 50.000 habitantes obrigando a crear zonas de baixas emisións, mais destacou que esta normativa inclúe o Plan Nacional Integrado da Enerxía e Clima (PENIEC) que realmente ten como obxectivo reducir un 35% os kilómetros percorridos. Subliñou que, no caso de vilas pequenas, o fundamental é seguir transformando o espazo público para facelo máis accesible, entendendo as travesías como parte da cidade onde hai circulación de vehículos pero estes deben entrar como invitados.  

 Pola súa banda, José Carpio tamén criticou as zonas de baixas emisións e a electrificación por facer referencia unicamente ao tema ambiental. Insistiu en que se está a roubar espazo á cidadanía e preguntou que acontecerá cando en 15 anos toda a frota de vehículos xa sexa eléctrica. "Igual que hai carrís VAO debería haber zonas VAO, non utilizar o automóbil para unha soa persoa. Hai que ir cara a outro plantexamento, como garantir o dereito a chegar a un lugar, a un aparcamento disuasorio e despois optar por outras mobilidades", finalizou.  

 En xeral, defendeuse que as solucións da mobilidade deben ser construídas por cada cidade ou vila, xa que cada unha ten un contexto distinto, e basicamente baixo as fórmulas de mellorar a mobilidade activa, con desprazamentos peonís e ciclistas, apostar por unha mobilidade motorizada colectiva e deixar de forma moito menos abusiva e residual o uso dos vehículos privados. Insistiuse na necesidade de complementar unhas mobilidades con outras para chegar a un bo equilibrio e convivencia.  

Alfonso Sanz. Limitar os privilexios a coches e patinetes eléctricos  

 O seminario, titulado ‘Mobilidades Alternativas' comezou coa presentación de Alfonso Sanz, que foi quen máis fincapé fixo en que a alternativa para as mobilidades nas vilas e cidades, a electrificación do automóbil que se propón dende "partes interesadas", non cambia realmente o modelo.  

 "Atopámonos que se están a vender alternativas que son sectoriais, parciais e locais pero sen proxección, centradas no técnico sen capacidade de entender dinámicas sociais, ou puramente individuais", apuntou, focalizando o seu discurso en dúas destas solucións, os patinetes e coches eléctricos. Puxo sobre a mesa estudos que revelan que as persoas usuarias deses vehículos antes camiñaban, eran usuarias de transporte público e en menor medida do coche privado, polo que se manifestou non optimista cun trasvase tan alto dende o coche.  "Conclusións? Os patinetes son divertidos e modernos pero non cambian o modelo de mobilidade, non son tan sustentables, non son saudables nin tampouco seguros. Non son mobilidade alternativa e non deberían ter privilexios (usar beirarrúas, ou aparcar onde queiran) nin discriminacións positivas nos concellos".  

 Sanz subliñou que a mobilidade non só debe estar relacionada coa enerxía, senón que destacou que ten que ver tamén coa saúde, a seguridade e a percepción do risco, e co uso do espazo. En canto ao automóbil eléctrico, dixo que si diminúe gases e contaminación, pero só é unha substitución de prestacións e autonomía dos vehículos actuais. "A industria o que pide son privilexios e xusto é o que non hai que facer. Hai que penalizar o insalubre, non incentivos de acceso ou aparcamento xerando un espazo de substitución duns vehículos por outros", manifestou.   

 Como conclusións finais, fixo fincapé en que hai que electrificar a mobilidade pero ver como e cando, cales son os elementos a substituír, onde e cando. Insistiu en que o adxectivo alternativo debe ser contemplado criticamente e revisado para ter en conta que hai mobilidades alternativas que son só un modo superficial de substitución e cambian o decorado pero non o intrasunto. Así mesmo, avogou por políticas dos concellos que combinen alternativas profundas  e non ofrezan privilexios inxustificados. "Hai que permitir pero non estimular", finalizou.  

 Sobre a Facultade Ágora apuntou que "é unha iniciativa perfecta para contribuír a ese cambio cultural que fai falta no tema da mobilidade", xa que ao seu entender a mobilidade está enraizada en elementos culturais e os cambios culturais non se fan da noite para a mañá nin cunha medida puntual. Destacou que  eses cambios deben encardinarse nos comportamentos e hábitos porque non só afectan á cidadanía de a pé, senón tamén á maneira de pensar o persoal técnico e político.  

José Carpio. O peón como cidadán  

 O urbanista José Carpio centrou a súa conferencia na camiñabilidade da contorna urbana, identificando as ferramentas para distinguir que é o que estimula a mobilidade peonil e onde se deben investir cartos públicos para ter froitos. Destacou que os factores son moi diversos e tocan diferentes disciplinas tanto na ‘escala macro' - a planificación dos usos do solo dunha cidade, a tipoloxía de edificacións, a conectividade ou a xeometría- como na ‘escala micro' - deseño, o uso da vexetación ou a confortabilidade xeral- que fan que se promova a convivencia social.  

 En canto á camiñabilidade de contornas dispersas ou de falta de densidade, como o territorio das Rías Baixas, Carpio apuntou que é preciso plantexar núcleos dispersos e conectados nos que sexa agradable estar e realizar actividades, algo que "se ademais está conectado por autobuses ou vehículos a demanda" sería máis produtivo.  

 Neste sentido, avogou por nas distancias nas que non é plantexable unha mobilidade a pé, fomentar os desprazamentos e mobilidades complemetarias coa bicicleta ou o transporte colectivo. "É preciso coordinar as últimas millas do transporte e producir sinerxias", subliñou, destacando que "o que non queremos é que unha persoa saia da súa casa en coche e vaia a outra porta e en ningún momento pise o espazo público", insistiu.  

 Carpio subliñou que é imprescindible entender aos peóns non só como persoas que se desprazan a pé, senón como cidadáns e cidadás, persoas que desenvolven a súa cidadanía no espazo público. "Sempre digo nas miñas clases que dous peóns cruzándose nunha praza poden namorarse. Dous coches non", subliñou, destacando que o espazo público debe ser un espazo de interacción e sociabilidade e que "compartir espazo axuda a eliminar prexuízos de idade, de nivel de educación ou económico ou etnia". "O espazo público é a base dunha sociedade cohesionada", insistiu.  

 O relator recoñeceu que a Facultade Ágora cubre moitos temas relativos ao tratamento do espazo público e reúne a eminencias en diversos campos: "Dá gusto ver estas iniciativas que vinculan o coñecemento experto aterrándoo nos concellos, xa que é importante que as e os técnicos e políticos municipais cheguen a el. Hai que tomar como obxectivo e foco o espazo público como lugar de encontro, de transición ecolóxica... Outras deputación deberían tomar nota", dixo.  

Silvia Casorrán. A  mobilidade activa  

 A arquitecta Silvia Casorrán falou do concepto de mobilidade alternativa entendido como mobilidade activa, poñendo en entredito o de ‘alternativa' para os desprazamentos a pé xa que se trata da mobilidade que existiu antes que calquera outra.  

 Comentou exemplos postos en práctica en Barcelona e na súa área metropolitana, cos retos como conectar cos municipios veciños a pé e en bicicleta, unha cuestión esquecida durante moitos anos, e como se están a implementar, con exemplos concretos como as Superillas. Tamén explicou o proxecto ‘Protexer as escolas', que está a traballar para que a contorna de todas as escolas sexan espazos seguros, pacificados onde nenas e nenos non poidan sufrir accidentes e teñan un bo nivel de calidade do aire, cuestións, segundo dixo, aplicables a calquera escala tanto para barrios como municipios incluso de maneira rápida con medidas de baixo custe. Finalmente realizou unhas reflexións en relación ao custoso que é transformar o espazo público para gañar espazo ao peón, destacando o traballo feito en Pontevedra, que cualificou como unha ‘grande superilla' como as de Barcelona.  

 En relación á Facultade Ágora subliñou que é moi interesante como proposta conxunta para traballar a nivel técnico e político sobre o espazo público, un grande reto porque nos últimos 50 e 60 anos as cidades foron enchéndose cada vez máis de vehículos de motor desprazando ás persoas do centro da calzada arrinconándoas nas beirarrúas. "Agora estamos intentando facer a inversa, borrar os últimos anos e volver á orixe da mobilidade activa, saudable, que é a máis asequible, económica e sustentable e ao alcance de todas e todos. Esa é a meta común de todas as cidades de España e do mundo. É moi interesante que se faga de maneira coordinada e que a nivel técnico haxa aliñación e se fomente todo este cambio".  

 En canto a como a pandemia e o confinamento serviron para apreciar como é vivir nunha cidade sen ruído, na que  escoitar paxaros e o vento asubiar subliñou que a cidadanía saíu "con máis ganas de movernos dunha maneira saudable". Puxo de relevo, en calquera caso, o perigo de que hai  xente con medo ao uso do transporte público.  

Martín Barreiro. O exemplo do Camiño Real entre Cangas e Moaña  

 Pola súa banda, Martín Barreiro, do Estudo Rurban formado con María Masaguer, falou sobre as mobilidades alternativas en contextos rururbanos como o das Rías Baixas. Subliñou que é imprescindible entender a definición de rururbano, posto que é chave para entender porque a mobilidade alternativa, ir a pé ou en bicicleta, é tan importante neste tipo de asentamentos. Subliñou que non se deben confundir os itinerarios peonís con sendas de lecer ou paseos marítimos, que deben ter outras características á hora de intervir.  

 A súa conferencia estivo practicamente centrada nun caso práctico no que o seu estudo leva a traballar 10 anos no Morrazo, o Camiño Real que une Moaña e Cangas como unha vía alternativa para camiñar e ir en bicicleta á estrada para vehículos rodados, unha tipoloxía de actuación que aínda non é maioritaria a provincia. Entre as solucións adoptadas Barreiro indicou que hai tres aspectos básicos: que o itinerario peonil transcorre acompañado de casas, incidindo nos preceptos do urbanismo inclusivo e feministra e habilitando a mobilidade das persoas na súa contorna máis próxima, os domicilios; que o deseño é accesible e adaptado a calquera perfil, tendo en conta por exemplo a iluminación para persoas con dificultades de visión; e que funciona como conexión de dous núcleos de centralidade, dúas vilas cos seus respectivos equipamentos ofrecendo un servizo útil.  

 Sobre a Facultade Ágora Barreiro sinalou que se trata dunha iniciativa única e excepcional porque pon ferramentas para actuar ao alcance das e dos decisores. "Se estes non coñecen outras formas de intervir no espazo público sempre recae nos proxectistas elastificar as decisións. A Facultade é fundamental para ir ao cerne do problema e non facer actuacións cosméticas. É aire fresco para este imaxinario", finalizou.  

 Finalmente, o enxeñeiro e coordinador de contidos da Facultade Ágora, Fernando Nebot, falou sobre o transporte colectivo e puxo sobre a mesa que a distribución territorial dispersa da provincia que fai que as liñas regulares non sexan axeitadas, nin tampouco o aproveitamento do transporte escolar.  

 Neste sentido, subliñou a necesaria implantación do transporte a demanda e plantexou como solución que administracións de menor ámbito que a Xunta poñan en marcha plataformas de xestión de reservas e de establecemento de rutas apoiadas nos taxis dos concellos.  

 Coa celebración deste seminario sobre Mobilidades Alternativas pecháronse os dous primeiros bloques da Facultade Ágora, o do bo urbanismo centrado na planificación dos espazos públicos, e o da boa mobilidade, no que se falou do tráfico necesario e de como debe ser a mobilidade para que as persoas teñan a prioridade nos seus desprazamentos. As clases retomaranse o 3 de setembro con visións máis plurais sobre o espazo público, falando dos diferentes hábitats e tamén introducindo a parte económica, comercial, as problemáticas sanitarias, infantil, de xénero e de persoas con discapacidade. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario