30 de xuño de 2021

ECONOMÍA

Ante  as informacións que apuntan á venda da compañía 

A FGAMT-CIG esixe o mantemento do emprego en Gefco 

· O comité de empresa pide unha xuntanza coa dirección para coñecer  os detalles do proceso anunciado nos medios de comunicación 


Infogauda / Vigo

 A FGAMT-CIG esixe o mantemento de todos os postos de traballo en Gefco, compañía encargada  da loxística das fábricas do grupo Stellantis (antiga PSA Citroën), ante as informacións que apuntan  á venda da compañía de capital franco-ruso. O comité de empresa reclama unha xuntanza coa  dirección para coñecer os detalles do proceso feito público polos medios de comunicación. 

 A representación sindical de Gefco (5 delegados/as do SITG, 3 da CIG e 1 da UGT) tivo  coñecemento dos plans de venda a través dunha exclusiva publicada pola axencia Reuters en  Alemaña o pasado mércores 23, polo que dende a central sindical denuncian o feito de que os  traballadores/as teñan que coñecer polos medios de comunicación unha decisión de tanta  importancia para o seu futuro laboral.

 Ao mesmo tempo, critican que a empresa non accedese aínda reunirse coa representación sindical  para informar sobre os detalles do proceso a pesar de que o comité lle solicitou por escrito a  celebración dunha xuntanza. “Limitáronse a contestar que estarán pendentes das novas que vaian  aparecendo a este respecto”, critican dende a representación da CIG en Gefco. En consecuencia, os  delegados/as da central sindical na empresa tamén se dirixiron aos responsábeis da compañía para  confirmar se se negaban a manter o encontro. “Dixeron que non se negan, pero tampouco  accederon a reunirse, e reiteraron que seguirán pendentes das novas”. 

 Por iso dende a central sindical reclaman publicamente que a dirección explique o que vai acontecer cos máis de 190 empregos existentes na actualidade, ao que hai que sumar os máis de 300  vinculados a ETT. “O comité de empresa europeo tamén solicitou información sobre as novas  publicadas en prensa, mais a dirección respondeu que non ten comentarios que facer ao respecto”. 

 Esta falta de información por parte de Gefco é práctica habitual da compañía, tal e como confirman  dende CIG. “Non informan de nada, sobre todo co que ten que ver coas contas da empresa e co  volume de emprego, a pesar de que presentamos varias denuncias diante da Inspección de Traballo,  que lle chegou a impor tres sancións por faltas graves”. 

 Gefco é unha compañía dedicada á loxística propiedade ao 75% da empresa ferroviaria rusa RZD e  ao 25% do grupo de automoción Stellantis. Segundo as informacións publicadas, o proceso de  venda está a ser xestionado pola financeira JP Morgan e pola banca Rothschild, que agardan pechar  a operación por máis de 2000 millóns de euros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario