14 de xuño de 2021

DEPORTES

ATLETISMO

OURO E RÉCORD GALEGO PARA ÁLEX  SIERPES PEREIRA 

· No Campionato de Galicia de 1 km e Milla en roteiro celebrado esta fin de semana na capital de Galicia 


Álex Sierpes Pereira - no centro da imaxe - coa súa medalla do ouro que logrou na categoría infantil Sub14, na proba de 1 km en roteiro, proclamándose campión de Galicia 


Informa (fotografías e redacción): Sociedade Atlética do Trega

 Este pasado domingo a cidade de Santiago de Compostela acolleu a III edición da Milla Urbana Portas de Compostela, o XII Campionato Xunta de Galicia de 1 km e Milla en roteiro. 

 Despois de case dous anos sen carreiras en roteiro, sendo en 2019 o último evento celebrado en Guntín (Lugo), colleron a substitución as terras compostelás, para disputar a celebración 2021, onde os atletas da Sociedade Atlética do Trega máis despuntados, deixaron as seguintes actuacións:

 O máis destacado da xornada foi o atleta guardés Álex Sierpes Pereira, que na categoría infantil Sub14 representounos na proba de 1 km en roteiro,  onde mandou e dominou de principio a fin. Fíxoo "voando" polas rúas santiaguesas nun circuíto urbano de dúas voltas con duras subidas, logrando un crono de 2´57", e proclamarse campión galego. 


Álex Sierpes Pereira, correndo polas rúas de Santiago de Compostela

 A pesar de non ser o circuíto máis adecuado non impediu que a súa actuación quedase con nota de sobresaliente conseguindo a mellor marca galega en roteiro de 1 km de todos os tempos que ostentaba Tariku Novales, atleta coruñés que a conseguira no ano 2011, en Padrón, galardón que esta fin de semana tivo o selo do atleta guardés. 

 Asemade, mencionar que a fin de semana anterior, Álex Sierpes Pereira viña de impoñerse, tamén en primeiro lugar, co noso filial o Atletismo Ourense na proba dos 1.000 ml no Campionato de Galicia de Clubes celebrado en O Barco de Valdeorras, conseguindo a prata autonómica por equipos. 

 E para pechar este evento a atleta rosaleira - de ascendencia camposina e guardesa - Ariana González Verde, fíxose co bronce na categoría Máster 35 feminino, na proba da milla en roteiro, onde correu na primeira serie coa mestura de moitas categorías, entrando en meta en 2ª posición da xeral e primeira da súa categoría. Á espera da disputa da segunda serie, na que sería superada por dous atletas que levaríana a conseguir o terceiro posto autonómico cun tempo de 5´54" no circuíto de 3 voltas da proba, quedando un pouco prexudicada ao non entrar na serie na cal estaban as rivais máis directas, terminando na 10ª posición da xeral de todas as categorías. 

 

Marcela Morgado Rodríguez - na imaxe, 3ª pola esq. -, nos momentos previos á saída da proba dos 3.000 metros lisos en pista ao aire libre

 E por último tiñamos outra fronte aberta coa nosa atleta Sub18 Marcela Morgado Rodríguez, que a pasada fin de semana desprazouse a Xixón para disputar o Campionato de España de Clubes 2ª División Feminina, axudando ao noso filial o Atletismo Ourense. Marcela Morgado acadou o 2º posto nos 3.000 metros lisos en pista ao aire libre cun rexistro de 11´12" onde a expedición do noso filial conseguiu sumar unha boa puntuación global e traer para Galicia o 3º posto nacional por equipos.  

 Moitas felicidades aos nosos atletas. A seguir así de fortes conseguindo novos retos deportivos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario