24 de xuño de 2021

A GUARDA

A Xunta de Galicia colabora co Concello da Guarda na reforma das dependencias municipais para mellorar a calidade dos servizos prestados aos cidadáns  

· A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, a reforma na oficina de turismo e na do padrón e o novo equipamento do salón de actos e da sala de usos múltiples

· Os traballos enmárcanse na Orde de Infraestruturas de uso público, á que a Xunta destina este ano 4M€ para as entidades locais  

· O Goberno galego leva investidos no municipio máis de 1,3M€ tanto en actuacións ambientais como nas súas infraestrutura


O alcalde Antonio Lomba e membros da Corporación Municipal do Concello de A Guarda, recibiron esta mañá  a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López

Foto: X.G.

Infogauda / A Guarda 

 A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto Viso, visitou hoxe xunto o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López Diéguez, as actuacións levadas a cabo en varias dependencias municipais ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público para mellorar a calidade dos servizos prestados á veciñanza. No marco desta liña de axudas, a Xunta apoiou con máis de 23.000 euros a reforma da oficina de turismo e a do padrón, así como a dotación de novo equipamento acústico e de iluminación no salón de actos e na sala de usos múltiples.  


A directora xeral de Administración Local conversa co alcalde de A Guarda, en presenza do delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra e membros da Corporación Municipal

 Os traballos levados a cabo na oficina de turismo no edificio do antigo concello inclúen a ampliación do espazo dispoñible para os visitantes e a eliminación de barreiras arquitectónicas para contar cunhas instalacións máis accesible e cumprir así os criterios para optar a Q de Calidade para o Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE). No caso do espazo dedicado a secretaría, rexistro e padrón, habilitouse unha dependencia independente para atender aos cidadáns que asisten ao padrón para garantir a súa intimidade nas súas xestións.   

 Natalia Prieto destacou a importancia da colaboración da Xunta coas administracións locais para que poidan levar a cabo actuacións que redunden no benestar e na mellora de calidade de vida dos veciños. A través da Orde de Infraestruturas coa que se financian estas actuacións, o Goberno galego apoia precisamente as iniciativas dos concellos galegos para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais.  

 Na convocatoria deste ano, a Xunta mantén o orzamento de 4 millóns de euros que destinou o ano pasado a esta liña de axudas, despois de incrementalo en 2020 nun millón de euros respecto a 2019.  

 O investimento realizado nos últimos anos pola Xunta no concello de A Guarda supera os 1,3 millóns de euros ao abeiro desta orde e doutras liñas da Vicepresidencia Primeira para adaptar varias instalacións municipais, así como a contratación de auxiliares de Policía Local ou o financiamento do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES).

Ningún comentario:

Publicar un comentario