23 de xuño de 2021

A GUARDA

A Guarda celebrará o Día Internacional do Ioga  

• O domingo día 27 de xuño, ás 10:30 h., na fortaleza de Santa Cruz 




Infogauda / A Guarda

 Despois do aprazamento por motivos meteorolóxicos da pasada fin de semana, o Concello de A Guarda vén de facer público no día de hoxe, que finalmente o Día Internacional do Ioga celebrarase este domingo día 27 de xuño na fortaleza de Santa Cruz ás 10:30 h.. 

 Esta actividade,  que xa vai pola súa terceira edición neste fermoso enclave natural, está organizada polo Centro Awen Yoga en colaboración co Concello de A Guarda. 

 Con este encontro preténdese celebrar este día e que as persoas de diferentes idades e condicións físicas poidan coñecer o mundo do ioga e os seus beneficios.  

 En sánscrito ioga significa unión entre corpo, mente e espírito. O Día Internacional do Ioga recoñece tanto a orixe do ioga como a súa práctica. 

 A iniciativa de celebrar este día a nivel internacional foi presentada ante as Nacións Unidas polo primeiro ministro da India, Narendra Modi, en setembro de 2014 con estas verbas: «O ioga é unha inestimable contribución da antiga tradición da India. Encarna a unidade da mente e o corpo, o pensamento e a acción, a moderación e a satisfacción plena, a harmonía entre o home e a natureza, e un enfoque  holístico da saúde e o benestar».  

 Trala súa proposta, a ONU aprobou a resolución, cuxa iniciativa foi apoiada por 175 países, o máis elevado número de estados solidarios na historia da organización.  

 Esta actividade vai a estar dirixida polos profesionais do Centro Awen: Elvira, Pablo, Iria e Carmiña, profesora de ioga para nenas/os e adolescentes. 

 Se podes respirar, podes practicar ioga. O ioga é para todas e todos sen importar a idade e o estado físico. 

 Anímate a coñecelo aínda que nunca o practicases!  

 Prazas limitadas. 

 Actividade gratuíta. 

Recoméndase aos participantes levar unha esterilla ou toalla, unha manta e roupa cómoda.   

Teléfonos de información  

Teléfonos a través dos cales pódese contactar para pedir máis información:    

· Awen Yoga: 986 611 871  / centroawenyoga@gmail.com 

· Concello: 986 610 000 (ext.7)

Ningún comentario:

Publicar un comentario