Catro Ventos Editora presenta «Setenta ideas para a (pos)pandemia» nunha actividade organizada pola Asociación Cultural Alexandre Bóveda
· Será na compaña de Pilar García Negro, Iolanda Teixeiro, Manuel Fernández Blanco, Fernando Ramallo e Francisco Sampedro este venres, 4 de xuño, ás 19:30 horas.
Isidro Dozo Valladares / A Coruña
Sobre o evento
Estamos nun momento histórico ou a COVID-19 non cambiou nada? Que problemas sociais e individuais sacou á luz e agravou a pandemia? A sobreinformación desinforma?
En Catro Ventos Editora editamos Setenta ideas para a (pos)pandemia, un libro que reúne as reflexións de 7 grandes voces galegas durante e despois do confinamento de 2020 e que busca sentar as bases para un posible escenario (pos)COVID-19.
Sobre a obra
Setenta ideas para a (pos)pandemia conforma unha reflexión arredor do novo escenario mundial. A chegada imprevista da COVID-19 a unha sociedade que se pensaba intocable supuxo e supón un novo paradigma vital caracterizado por un contexto imprevisible e descoñecido. Conscientes da necesidade de aproveitar a nova realidade para cambiar a nosa maneira de relacionarnos e interactuar co mundo, este libro recompila as reflexións de Manuel Fernández Blanco, Pilar García Negro, María Xesús Nogueira, Manuel Outeiriño, Fernando Ramallo, Francisco Sampedro Ojeda e Iolanda Teixeiro Rei sobre cara a onde nos diriximos, que podemos esperar destes novos «tempos interesantes» e como podemos abordalos con suxestións e decisións concretas.
Unha escolma de ideas e pensamentos en voz alta que esperamos e sabemos que será punto de partida para motivar debates interesantes, suscitar polémicas e dar pé a propostas necesarias de mellora que acheguen refachos de cambio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario