25 de maio de 2021

VIGO

A CIG convoca unha concentración para demandar políticas activas que garantan o futuro do sector da automoción

Este mércores 26 de maio de 2021, ás 11:30 horas, diante da delegación da Xunta en Vigo (rúa Concepción Arenal, 8)

Infogauda / Vigo

A CIG convoca unha concentración para demandar políticas activas que garantan o futuro do sector da automoción. Dende a central sindical denuncian que na actualidade máis de 20.000 persoas traballadoras da industria galega do automóbil atópanse en situación de desemprego pola falta de semiconductores, mentres o Goberno español anuncia investimentos multimillonarios noutras rexións do Estado para a instalación de fábricas de baterías eléctricas e Portugal confirma a instalación de plantas de compoñentes no seu territorio despois de que fosen deslocalizadas as producións de Galiza. 

 A chegada de milleiros de euros da UE para cambiar o modelo produtivo por unha economía verde, respectuosa co medio ambiente e que incentivará as fontes de enerxía renovábeis e os vehículos limpos, e o feito de que a nosa tarifa eléctrica é a mais cara do Estado, poñen sobre a mesa o perigo de peches e deslocalizacións porque as empresas instaladas en territorio galego non van ser competitivas no futuro sector do automóbil. 

 Neste contexto, a falta dunha verdadeira política industrial por parte da Xunta, que fía o futuro económico ao sector servizos vinculado ao turismo, ao Camiño de Santiago e ao Xacobeo, condena o noso país a converterse nun ermo produtivo, como está a acontecer no norte co desmantelamento das electrointensivas e no sur co naval e coa automoción.

Ningún comentario:

Publicar un comentario