31 de maio de 2021

TURISMO

O presidente do Goberno galego participou este mediodía na presentación do anuncio da campaña turística 

Feijóo invita a camiñar a Galicia para desfrutar dun destino extraordinario e prepararse para bater o récord de 5 millóns de visitantes en 2022  

Asevera que esta campaña é unha invitación a desfrutar tamén dun destino seguro e de calidade, que dá resposta ao turismo que demanda natureza e paisaxe; lecer e gastronomía; e atención, con 328 establecementos coa Q de calidade


O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, invitou hoxe a Camiñar a Galicia
Foto: X.G.

Incide na oportunidade que supón o Xacobeo 21-22 para recuperar un sector que supón o 10% do PIB galego e con capacidade para xerar máis de 71.000 empregos  

Destaca a posta en marcha de iniciativas como o Bono Quedamos en Galicia; ou Elixe Galicia, orientado á desestacionalización; ademais da activación do Seguro Coronavirus, para turistas e peregrinos; o rexistro de viaxeiros, para facilitar o rastrexo de contactos; ou o certificado covid dixital


Infogauda / Vigo

 O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, invitou hoxe a Camiñar a Galicia para desfrutar dun destino extraordinario e prepararse para bater o récord de 5 millóns de visitantes en 2022.  

 Durante a presentación, Feijóo aseverou que esta campaña é unha invitación a desfrutar dun destino extraordinario, pero tamén seguro e de calidade, que dá resposta ao turismo que demanda natureza e paisaxe, con 863 praias, o seu potencial termal e 6 parques naturais; lecer e gastronomía, con 12 festas de interese turístico internacional; e atención, con 328 establecementos coa Q de calidade.  

 O titular do Goberno galego referiuse a estas calidades como claves para poñer rumbo á reactivación do turismo, incidindo na oportunidade que supón o Xacobeo 21-22 para recuperar un sector que supón o 10% do PIB galego e con capacidade para xerar máis de 71.000 empregos.  

 Nesta liña, recordou a posta en marcha de iniciativas como o Bono Quedamos en Galicia, destinado a fomentar o consumo interno; ou Elixe Galicia, orientado á desestacionalización. Ademais da activación do Seguro Coronavirus, para turistas e peregrinos; o rexistro de viaxeiros, para facilitar o rastrexo de contactos; e o certificado covid dixital, que acredita a pauta de vacinación para incidir na seguridade.  

 Segundo resaltou o presidente da Xunta, todas estas medidas poñen de manifesto que Galicia é unha terra “confiable e segura: Foino na resposta á crise sanitaria e agora activando apoios e protocolos seguros para que o Ano Santo 21-22 sexa o ano de Galicia”, dixo.  

 Feijóo concluíu destacando tamén a oportunidade que supoñen para Vigo os Camiños portugueses do Interior e da Costa, unhas das rutas que máis incremento están a experimentar nos últimos anos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario