A Xunta de Galicia oferta 90 estadías de lecer en Galicia para mulleres soas que coidan en exclusiva dos seus fillos e fillas
O obxectivo é facilitarlles un tempo desligado da súa rutina, no que intercambiar experiencias a través da convivencia e reforzar o vínculo materno-filial
Terán preferencia o programa as mulleres vítimas de violencia de xénero e con algunha discapacidade
As axudas cobren os gastos de desprazamento, aloxamento e pensión completa das mulleres e os seus fillos en estadías de 7 a 9 días
Un ano máis a Xunta proporá destinos turísticos dentro da Comunidade para promocionalos tras verse afectados pola pandemia
Infogauda / Santiago de Compostela
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases do programa de axudas para estadías de tempo libre dirixido a mulleres soas con responsabilidades familiares non compartidas, con preferencia a vítimas de violencia de xénero e nais con discapacidade.
A Xunta busca con estas axudas que as nais que exercen a maternidade en exclusiva conten cun espazo e un tempo de lecer, desligado da súa situación habitual e no que poidan intercambiar experiencias. Mediante a convivencia cos seus fillos preténdese a maiores reforzar o vínculo materno-filial nun espazo de seguridade e alleo ás rutinas.
O programa sufragará un máximo de 90 prazas para estadías de 7 a 9 días en diferentes destinos turísticos, en réxime de pensión completa, incluíndo os traslados desde os seus lugares de residencia e o acompañamento de monitores de tempo libre con formación en igualdade de xénero e actividades complementarias.
Como requisitos principais, as beneficiarias deberán ter fillas ou fillos e/ou menores en acollida de entre 2 e 12 anos exclusivamente ao seu cargo. Deben acreditar a non convivencia con parella afectiva e ter residencia nalgún dos concellos galegos. A media dos ingresos brutos mensuais da solicitante non pode superar o límite do de 1,5 veces o IPREM vixente nos seis meses anteriores á presentación da solicitude.
O programa outorga maior puntuación ás vítimas de violencia de xénero e ás mulleres con discapacidade.
Con esta iniciativa, igual que ocorrera o ano pasado, o Goberno galego busca promocionar destinos turísticos afectados pola pandemia dentro da Comunidade, polo que as estadías terán lugar dentro de Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario