Tomiño participa este domingo nunha marcha contra os eólicos na Serra da Groba
· A saída terá lugar ás 11 da mañá dende o Alto da Mata (Fonte Icona) Estrada Baiona-Loureza. Km 9,7.
· O percorrido previsto será duns seis quilómetros, chegando ao Alto da Groba e O Montouto, e regresando ao punto de partida
Infogauda / Tomiño
O equipo de goberno de Tomiño, representado pola alcaldesa Sandra González Álvarez e varios concelleiros e concelleiras, participará este domingo, 16 de maio, nunha marcha contra os eólicos na Serra da Groba, organizada pola asociación SOS Serra da Groba, e apoiada por outras entidades, como o Instituto de Estudos Miñoráns, a Asociación forestal e de educación ambiental A Jalleira, ANABAM e o Centro Social Fuscalho.
A saída terá lugar ás 11 da mañá dende o Alto da Mata (Fonte Icona) Estrada Baiona-Loureza, Km 9,7. O percorrido previsto será duns seis quilómetros, chegando ao Alto da Groba e O Montouto, e regresando ao punto de partida.
Está prevista a intervención da alcaldesa de Tomiño, xunto con outros alcaldes e alcaldesas da comarca convidados para a lectura do manifesto. Segundo a rexedora non se pode permitir que nun enclave como éste, se pretenda dar cabida a distintos parques eólicos, fragmentando o que parece un gran proxecto.
“Nos apostaríamos por proxectos eólicos, a nivel local, máis respetuosos co entorno e con máis participación pública na súa planificación e desenvolvemento, se ben entendemos que a enerxía debe ser considerada como un ben público, e os seus beneficios de produción deben repercutir nos territorios onde se xera", comenta Sandra González.
Ningún comentario:
Publicar un comentario