24 de maio de 2021

PONTEVEDRA

Deputación de Pontevedra e Delegación de Goberno redobran alianza e estratexia conxunta cara á recuperación da provincia 

José Miñones cifra en 2.700 millóns de euros o impacto do "escudo Social" despregado na provincia, con máis de 85.000 persoas e 13.000 empresas beneficiadas polas políticas de protección fronte á COVID-19  


O delegado do Goberno en Galicia coa presidenta da Deputación de Pontevedra
Foto: D.PO.
 

Infogauda / Pontevedra

  A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva recibiu hoxe ao delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, na súa primeira visita oficial á institución na que analizaron os grandes retos da provincia diante do escenario de recuperación socioeconómica. Na comparecencia deuse unha total coincidencia entre ambos representantes públicos na necesidade de que a administración local sexa unha das canles prioritarias para o reparto dos fondos Next Generation da Unión Europea. Así, mentres o delegado destacou que son os concellos e deputacións quen "xestionan o día a día", Carmela Silva cualificou como "fundamental" que o 15% dos fondos europeos que reclama a FEMP e a FEGAMP se canalice a  través do mundo local: "Se queremos transformar este país temos que estar nesa xestión, porque temos una enorme capacidade para executar transformacións, estamos na proximidade e ninguén coñece mellor a realidade". No encontro, José Miñones asinou no Libro de Honra cunha dedicatoria na que comprometeu o seu traballo e tempo para "estreitar lazos e facer de ponte entre o Goberno de España e a Deputación", acto no que Carmela Silva destacou "a necesidade de consensuar estratexias. Estamos moi necesitadas/os deste tipo de relacións institucionais baseadas na lealdade".  

 A presidenta provincial puxo en valor "os miles de millóns que o goberno de España está a destinar á xente e á recuperación neste escenario de saída da pandemia" e pediu a Miñones que transmita "o orgullo que supón que se teñan tomado medidas de apoio como nunca e con políticas anticíclicas que reflicten un compromiso de verdade". Nese sentido, o representante do estado en Galicia cifrou en 2.700 millóns de euros o impacto do "escudo Social" despregado na provincia de Pontevedra, con máis de 85.000 persoas e 13.000 empresas  beneficiadas polas políticas de protección fronte á COVID-19. Supuxo, engadiu, "230 millóns para ERTE, 564 millóns para prestacións ou máis de 2.100 millóns en préstamos para autónomos, pemes e empresas da provincia". Un total de 9.572 persoas da provincia percibiron xa o Ingreso Mínimo Vital. Ademais, explicou que "o Goberno xa apoiou á Xunta de Galicia transferíndolle 1.258 millóns de euros vinculados á pandemia". A última achega do Goberno do Estado son os 234,5 millóns de euros para indemnizar a persoas autónomas, pemes e empresas máis afectadas polas medidas cautelares a raíz da pandemia. Nesta liña, Carmela Silva subliñou que "a aplastante maioría dos recursos  que chegaron e están chegando ás persoas e sectores máis afectados pola crise foron trasladados polo Goberno do Estado". A presidenta aplaudiu o anuncio de que se van a destinar 15.000 millóns de euros dos fondos europeos que xestionarán directamente os entes locais e, igualmente, cualificou de boa nova os fondos dotados con  10.000 millóns para a loita contra o despoboamento e a cohesión territorial.  

 José Miñones situou á Deputación de Pontevedra como referencia no ámbito da cooperación co municipalismo a través de ferramentas como o Plan Concellos, "que supón unha parte moi importante do orzamento provincial". "A cooperación, o respecto á autonomía local e o equilibrio territorial son tres alicerces desta iniciativa que coinciden co que no Goberno pensamos que é fundamental", relatou antes de subliñar que "a Deputación é quen de lograr un mellor reparto de achegas e que os seus fondos e iniciativas chegan a cada punto da provincia". O delegado, que recordou que a institución provincial foi premiada en 2019 cun premio Menina pola súa loita incansable contra a violencia machista, repasou a implantación do programa VioXén lembrando que 12 concellos da provincia xa teñen asinada a colaboración das súas policías locais e anunciando que en breve incorporaranse outros seis (A Guarda, Tui, Ponteareas, Cangas, Cambados e Nigrán).  

Un "aliado" da Deputación para o Plan Estratéxico Provincial de Fondos Europeos  

 Carmela Silva entregou a José Miñones o Plan Estratéxico de Fondos Europeos (tanto para os Next Generation como para os fondos estruturais) nos que a Deputación aspira a captar ata 300 millóns de euros para encamiñar á provincia cara a dixitalización, a cohesión territorial, a transición ecolóxica da economía e a igualdade, obxectivos aliñados coas políticas panca sinaladas polo Goberno no Plan de Reactivación, Transformación e Resiliencia. Silva pediu ao delegado que se converta nun "aliado" da Deputación. Ademais avanzou as grandes liñas do plan ReacPon, que será aprobado en Pleno o próximo venres e que vai significar outros 20 millóns de euros en financiamento regrado para os concellos, recursos cos que a Deputación se adianta á eventual chegada de financiamento da UE. Nesta mesma liña, informou dos plans de sostibilidade turística impulsados pola Deputación para as comarcas do Condado-Paradanta e Deza-Tabeirós, xa presentados diante da Xunta de Galicia.  

 A presidenta detívose tamén na transformación que xa está a supoñer o programa provincial SmartPeme para o tecido empresarial da provincia, especialmente para as persoas autónomas e pemes. Un programa, recalcou, sen equivalente noutras Administración e que naceu en 2016 para axudar á transformación dixital utilizando todo o potencial das tecnoloxías da información e a comunicación. Neste tempo, 3.500 empresas beneficiáronse dos 1.600 obradoiros organizados dende as 7 oficinas de SmartPeme que, ademais, atenderon máis de 10.000 asesoramentos individuais. Silva aproveitou para anunciar unha nova iniciativa en relación ás mulleres e as tecnoloxías e pediu que o Goberno de España teña moi en conta este programa.  

 A eliminación dos puntos negros no Camiño de Santiago a través da colaboración estatal foi outro dos asuntos abordados antes de repasar os próximos investimentos do Goberno na provincia no marco dos Orzamentos Xerais 2021. Neste eido, a presidenta revelou a inminencia das obras do nó de Bombeiros en Pontevedra, que contan cunha partida orzamentaria de 2,3 millóns de euros. "O Goberno está traballando no convenio para a rebaixa das peaxes con Audasa e inmediatamente despois farase este outro convenio para que esta obra que xa está nos Orzamentos se converta nunha realidade".  

 Na visita abordouse tamén a colaboración a través do Instituto para  a Diversificación Enerxética (IDAE) do Ministerio para a Transición Ecolóxica que subvenciona 75 proxectos que supoñen un avance medioambiental na provincia cun total de 39,2 millóns de euros. A colaboración da Deputación permite que 4,02 millóns de euros deste montante chegue a varios concellos da provincia. A maiores lembrou que o Goberno, a través do Ministerio de Transportes e Axenda Urbana, e a Deputación están a colaborar na recuperación e musealización de 17 castros e xacementos arqueolóxicos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario