28 de maio de 2021

PONTEVEDRA

O Pleno provincial dá luz verde a ReacPon: o maior plan de inversión pública da historia da Deputación de Pontevedra

A presidenta Carmela Silva convoca para o luns aos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes para dar a coñecer o plan ás alcaldesas e alcaldes da provincia


Na imaxe a presidenta e eo vicepresidente da Deputación de Pontevedra, e dous deputados do equipo de goberno provincial na sesión de hoxe

Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra 

 O Pleno da Deputación de Pontevedra vén de dar luz verde a ReacPon, Reacción Pontevedra Provincia, dotado cun orzamento de 47,2 millóns de euros, que vén de converterse, tal e como o cualificou o portavoz  Carlos Font, "no maior plan de inversión pública da historia da institución". ReacPon, que será presentado o vindeiro luns aos 59 concellos da provincia nunha reunión á que teñen sido convocadas/os todas as súas alcaldesas e alcaldes, está dirixido a impulsar a economía da provincia xerando actividade e creando ou mantendo o emprego para paliar as consecuencias da covid-19. Coa aprobación no pleno, esta potente inxección de recursos súmase xa aos 168 millóns do orzamento provincial para este ano.

 O plan, que contou cos votos a favor do grupo socialista e nacionalista e a abstención do grupo popular, é "unha resposta contundente a este período escuro e unha aposta inequívoca polo investimento público como ferramenta para estimular a actividade económica" asegurou o portavoz Carlos Font. Estará aliñado coas dez políticas panca do Plan de Transformación do Goberno do Estado, cos cinco obxectivos de cohesión europea 2021/2027 e coa Axenda 2030 e contará con dous programas: o ReacPon Deputación para a mellora das dotacións provinciais e equipamentos provinciais, dotado con 27,2 millóns de €; e o ReacPon Concellos, dirixidos aos concellos e dotado con 20 millóns de €.

 O vicepresidente César Mosquera sinalou que "cando presentamos os orzamentos xa advertimos de que pasariamos de 200 millóns de euros, que era unha cifra nunca vista nesta Deputación". Asegurou que o Plan é a consecuencia dunha política planificada, que consiste en "facer peto" cando a economía vai ben e estimulala nos períodos complicados a través de obras e actuacións. Tamén destacou que o ReacPon nace con vocación de inmediatez para acelerar a reacción económica na provincia: "queremos facer unha intervención de choque e por iso se enfatiza a madurez dos proxectos nas bases, un concepto (o da madurez) xa introducido nos anos 90 pola Unión Europea". Ademais recomendoulle ao PP que inste aos seus alcaldes e alcaldesas a elaborar "unha biblioteca de proxectos, porque cando hai ideas claras os proxectos acaban executándose".

Carlos Font subliñou que a través de ReacPon Deputación, vanse transformar os servizos e dotacións da institución para a súa modernización, así como para apostar pola sustentabilidade, dixitalización e restauración ambiental. Tamén dotarase de maior investimento ás estradas provinciais e aos concellos, ao Museo de Pontevedra, á restauración medioambiental da xunqueira de Alba, a impulsar o Plan Revitaliza, á mellora enerxética e dixitalización das edificacións provinciais, a promover o emprego, á cohesión social e a cooperación transfronteiriza, á dinamización cultural e deportiva, á implantación do teletraballo e a novos equipamentos en Príncipe Felipe, entre outras cuestións.

No caso do programa centrado nos concellos, ReacPon Concellos, cuxas bases con criterios obxectivos, transparentes, equitativos, respectando a autonomía local e por concorrencia competitiva tamén foron aprobadas polo equipo de goberno coa abstención do grupo popular, "suporá poñer a circular 20 millóns de euros nos concellos de menos de 50.000 habitantes para actuacións de rehabilitación de edificios e instalacións municipais, de nova construción e de mellora de espazos públicos".

"Trátase dun plan en igualdade para todos os concellos", destacou Font, con bases totalmente medibles, "para poder valorar os proxectos que opten a financiamento de forma transparente e equitativa", garantindo dereitos e servizos, loitando contra o despoboamento, fomentando a igualdade no ámbito rural e urbano, impulsando a sustentabilidade, promovendo a dixitalización na prestación de servizos, así como a accesibilidade e espazos e infraestruturas no medio rural. Así, entre os criterios a valorar, teranse en conta cuestións como a madurez do proxecto, a contribución a unha economía descarbonizada, a calidade do proxecto e a contribución das actuacións á consecución dos obxectivos fixados na Axenda 2030. Cada concello poderá financiar unha actuación ben sexa de rehabilitación, nova construción ou espazo público ata un máximo do 90% do Plan Concellos que lle corresponde, e non poderá ter un orzamento inferior a un terzo do mesmo. Amais daráselle prioridade ás rehabilitacións e mellora de espazos públicos con criterios de sustentabilidade e os concellos con menos poboación aportarán menos recursos.

Amais do plan e das bases, no Pleno tamén se aprobou a financiación do Plan. Deste xeito deuse visto bo a unha operación de crédito a longo prazo e unha modificación dos orzamentos a través de suplementos de crédito. En canto á primeira opción, tal e como manifestou o deputado, "trátase dun endebedamento totalmente asumible porque temos débeda cero, solvencia financeira e sobre todo unha obriga coas veciñas e veciños da provincia: poñer recursos á súa disposición para impulsar o desenvolvemento".  No caso dos suplementos de créditos destinaranse a financiar partidas dirixidas a concellos nun 30% deste importe.

Ningún comentario:

Publicar un comentario