20 de maio de 2021

OIA

O Concello de Oia avanza para ter un escudo propio    

· Heráldica elaborará unha nova proposta partindo de catro elementos: a figueira, a torre, o báculo e as ondas do mar  


Membros da Comisión de Heráldica reuníronse no Concello de Oia coa alcaldesa e membros do executivo local, investigadores e veciños que presentaron algunha proposta para os símbolos municipais

Foto: C.O.
 

Infogauda / Oia

 O Concello de Oia acolleu onte mércores día 19 de maio unha reunión “para avanzar no proceso de definición dun escudo e bandeira oficiais do municipio”. A finalidade desta reunión era aclarar dúbidas, tratar as dúas propostas presentadas por veciños, unha nova proposta elaborada polo Concello (cun deseño acuartelado e elementos identificativos do municipio como o petróglifo Auga dos Cebros, os cabalos, o báculo e a torre) e valorar novas alternativas.  

 O encontro contou coa participación de representantes do executivo local; da alcaldesa, Cristina Correa Pombal; varios membros da Comisión de Heráldica -órgano consultivo da Xunta de Galicia ao que lle compete a aprobación de brasóns e bandeiras-, persoas de referencia na investigación da historia local e algúns dos veciños que teñen presentado algunha proposta concreta relativa tanto ao escudo como á bandeira. 

 Durante a xuntanza de traballo fíxose un repaso dos principais fundamentos e conceptos relativos á heráldica e tamén se debateron as distintas iniciativas presentadas. 

 Entre os principais contidos abordados na reunión, incidiuse na necesidade de que “o brasón oficial debe estar en consonancia coas normas relativas á heráldica e de que o seu contido sexa fiel á historia do municipio”, advertíndose que “non é admisible como opción o emblema do Mosteiro de Oia”. Así, “establecéronse unha serie de elementos como punto de partida para a elaboración dunha nova proposta de escudo sobre a que seguir traballando”. 

HERÁLDICA PRESENTARÁ UNHA NOVA PROPOSTA

 Segundo comunicou Cristina Correa “a nova proposta que presentará Heráldica, para unir ás xa enviadas anteriormente, estará baseada en catro elementos: a figueira con froitos e a torre (os cales xa figuran no selo municipal empregado polo Concello de Oia na segunda metade do século XIX), o báculo abacial e as ondas do mar”.  

 A alcaldesa manifestou que “foi unha reunión moi produtiva, seguiremos avanzando para que Oia poida ter o seu propio escudo e bandeira”.  

 Pola súa banda, o vicepresidente da Comisión, Eduardo Pardo de Guevara, sinalou que “a quen ten que gustarlle o escudo é aos veciños de Oia, que son os que o van usar”. Do mesmo xeito, incidiu en que “foi unha pena que non asistisen os outros grupos políticos municipais” e, neste senso, brindouse “a volver ao municipio as veces que faga falta co obxectivo de resolver calquera dúbida ao respecto”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario