“De Monumento a Monumento”
Unha andaina para conmemorar o 90 aniversario da declaración de Ben de Interese Cultural do Monte Santa Trega e do Mosteiro de Santa María de Oia
• Ambos monumentos están vencellados polo Real Decreto de xuño de 1931, formando parte dos 789 elementos patrimoniais españois que foron declarados monumentos histórico-artísticos
• Os participantes percorrerán 12,5 km do Camiño Portugués da Costa, saíndo dende Oia e chegando a A Guarda
Infogauda / O Baixo Miño
“De Monumento a Monumento”. Esa é a denominación da andaina que non vai deixar pasar por alto unha data de grande transcendencia en todo o referente ao patrimonio cultural que levan implícito dous referentes de primeira orde: O Monte Santa Trega, ubicado no termo municipal de A Guarda, e o Mosteiro de Santa María de Oia, no concello de Oia.
“O obxectivo desta conmemoración é o mesmo que en orixe motivou aos que loitaron pola proclamación destes monumentos como parte do Patrimonio Nacional hai 90 anos, e non é outro que poñer en valor estes tesouros nacionais”, salientan desde á organización do evento.
Descuberto en 1913, o enorme poboado castrexo o Monte Santa Trega supuxo unha das primeiras campañas turísticas lanzadas en España, chegando a ser o segundo lugar máis visitado en Galicia trala Catedral de Santiago. O emprendedor guardés Manuel Lomba Peña - que foi emigrante en Puerto Rico -, é a quen se lle debe en maior medida - xunto cos demais directivos da Sociedad Pro-Monte Santa Tecla - dito logro.
O Mosteiro de Santa María de Oia que data do século XII, é o único da Orde do Císter a carón do Océano Atlántico. Habitado polos monxes, que mesmo foron artilleiros, ademáis de vivir baixo a Regla de San Bieito, cultivaron as vides e as terras durante sete séculos; pasou, tralo proceso de desamortización a mans privadas, pertencendo ata 1945 á familia do segundo propietario, Joaquín Alonso Martínez, natural e veciño de A Guarda, que tamén emigrara a Illa de Borinquen.
Por todos estes motivos, a empresa Real Mosteiro de Oia tomou a iniciativa de conmemorar tal acontecemento organizando a andaina “De Monumento a Monumento”, coa colaboración dos concellos de Oia e de A Guarda, e contando ademais co patrocinio de Frutas Nieves.
A andaina terá lugar o próximo 5 de xuño, saíndo as 10 da mañá do Mosteiro de Santa María de Oia para percorrer 12,5 Kms pola costa ata o Parque do Montiño, no Monte Santa Trega (A Guarda).
As inscricións poderán facerse no Concello de Oia, o Centro Cultural de A Guarda ou no enderezo electrónico info@mosteirodeoia.com ata esgotar as prazas.
Os participantes poderán desfrutar dunha ruta chea de encanto pegada á orla litoral que une estes dous puntos - o Monte Santa Trega e o Mosteiro de Santa María de Oia - do Camiño Portugués pola Costa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario