5 de maio de 2021

O ROSAL

A AGRUPACIÓN MUSICAL DO ROSAl CELEBRA O SEU XXXV ANIVERSARIO 

Cun concerto na Praza do Calvario, o domingo día 9 de maio, ás 18:00 horas

 


Infogauda / O Rosal

 Este domingo, ás 18:00, a banda da Agrupación Musical do Rosal celebrará un concerto conmemorativo do seu 35 aniversario. O acto terá lugar na Praza do Calvario.     

 Ó longo da súa historia, a banda rosaleira, ten acadado moitos e importantes recoñecementos a nivel galego e estatal, converténdose nunha das máis galardoadas da nosa comunidade. Ó mesmo tempo, a súa escola, ten sido un viveiro de grandes músicos que ocupan, actualmente, postos de relevancia en diferentes ámbitos culturais. Dende que se fundou no ano 1986, baixo a batuta de Laureano (Nani) Matos Barcia, diferentes directores teñen sido os responsables de guiar a este grupo: José Luis Represas Carrera, José Vicente Simeó Máñez, Diego Javier Llorente López, Marcel van Bree, Carlos Alberto Ramón Pérez ou José Javier Bascoy Iglesias. Na actualidade está dirixida por Javier Alonso Pérez.    

 O programa que interpretarán este domingo estará dividido en dúas partes: a primeira proporá a todos os asistentes unha apaixonante viaxe a través das diferentes expedicións que cruzaron o Océano Atlántico baixo o punto de vista de compositores xaponeses. Na segunda, a música máis próxima tomará protagonismo, escenificando a volta ás raíces populares da nosa cultura.

 O concerto será ao aire libre con aforo reducido, con entrada do público por estrito orde de chegada ata completar prazas. A actividade desenvolverase cumprindo con todas as medidas e protocolos marcados polas autoridades sanitarias, facendo dende o Concello todos os esforzos posibles para continuar coa actividade cultural de xeito seguro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario