31 de maio de 2021

O ROSAL

A CORPORACIÓN MUNICIPAL DO ROSAL APROBOU EN PLENO UNHA MODIFICACIÓN DE CRÉDITO PARA DIFERENTES PROXECTOS DE INCLUSIÓN SOCIAL, SENDEIRISMO E INFRAESTRUTURAS 

· Luz verde sen ningún voto en contra á modificación para a posta en marcha dun proxecto piloto para crear co tecido educativo e asociativo iniciativas de inclusión de persoas con e sen diversidade funcional  

· O Concello tamén deu o visto e prace a un investimento de 3.500€ para realizar un estudo das rutas de sendeirismo para a posta en valor do espazo natureza. Aprobada por unanimidade a moción para solicitar medidas de compensación polo impacto socio-económico do peche de fronteiras  


A Corporación Municipal do Concello do Rosal na sesión plenaria celebrada o pasado xoves no Centro Social Polivalente

Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal aprobou en pleno sen ningún voto en contra, todos os puntos levados á sesión celebrada o pasado xoves día 27 de maio no Centro Social Polivalente, entre os que se atopaba unha modificación de crédito extraordinario para levar adiante diferentes proxectos de inclusión social, sendeirismo, urbanismo e infraestruturas.  

 Luz verde a este cambio orzamentario con sete votos a favor e seis abstencións que permitirá a posta en marcha dun proxecto piloto transversal para crear xunto co tecido educativo, deportivo e asociativo do Rosal iniciativas de inclusión de persoas con e sen diversidade funcional. “No Concello temos un firme compromiso coa inclusión. Este proxecto permitiranos transformar a nosa realidade e camiñar cara un Rosal máis diverso e cheo de xustiza social”, salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández. Cun investimento de pouco máis de 7.000€, este proxecto ten entre os seus obxectivos aumentar a participación das persoas con diversidade funcional nas actividades cotiás do tecido asociativo e crear de forma conxunta un plan de acción para o desenvolvemento de iniciativas nas que queiran ser representadas.  

 Dentro desta modificación de crédito tamén ía incluída unha petición de 3.509,00 euros para realizar un estudo pormenorizado do estado actual no que se atopan as rutas de sendeirismo rosaleiras co obxectivo de determinar cales delas poden ser desfrutadas pola veciñanza e polo turismo de natureza, que tanta importancia ten gañada nos últimos tempos.  

 Por outro lado, o pleno aprobou por unanimidade a moción presentada por Alcaldía solicitando medidas de compensación polo impacto socio-económico no territorio do río Miño transfronteirizo do peche de fronteiras e das medidas restritivas tomadas polos gobernos español e portugués nos estados de alarma pola pandemia da COVID-19. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario