O Concello inviste 36.000€ nas obras de mellora na estrada Marzán – A Cachada
· Ademais do asfaltado dos camiños levouse a cabo un traballo de limpeza da superficie do pavimento e das cunetas
Infogauda / O Rosal
O Concello vén de acometer varias obras de mellora na estrada Marzán – A Cachada, na parroquia de Santa Mariña do Rosal, nas que se realizou un investimento total de 36.000 euros. Xunto co asfaltado dos camiños cunha capa de 5 centímetros para regular a rodadura e o recalce das tapas de rexistro, realizáronse traballos de limpeza en toda a superficie do pavimento cun cepillo de arame e arrombáronse as cunetas, desbrozando a vexetación existente.
Estes traballos leváronse a cabo tendo en conta as necesidades que presentaban os camiños de Marzán e A Cachada, que contaban cun asfaltado coa capa de rodadura deteriorada con fochas que producían un paso irregular. Unhas obras de mellora imprescindibles na zona, de tránsito habitual de vehículos procedentes da estrada PO-353 cara a parcelas agrícolas.
Con estas obras o Concello continúa coa mellora de estradas e instalacións en distintos puntos do Rosal, coas que se busca conseguir que “o municipio se atope nas mellores condicións posibles para o uso cotiá dos rosaleiros e rosaleiras”, explica o concelleiro de Vías e Obras, Germán Fernández Rodríguez, que destaca que “para o goberno municipal investir en infraestruturas tamén é investir en calidade de vida para a veciñanza”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario