O Consello Municipal de Igualdade do Rosal traballa xa para levar a igualdade a todos os eidos
· Na última reunión, celebrada este mes de maio, puxéronse enriba da mesa novas propostas para aplicar dende o campo educativo ou cultural ata no comercio local
· O Día do Orgullo, o Plan de Igualdade, diversas actividades ou unha guía de linguaxe inclusiva centraron o encontro
O Consello Municipal de Igualdade do Rosal continúa a traballar para mudar a conciencia social da veciñanza cara a unha baseada no respecto por todas as persoas, independentemente do seu xénero. As persoas integrantes do consello reuníronse de novo este mes de maio para facer unha chuvia de ideas e explorar novas propostas coa que conseguir levar a igualdade a todos os eidos do municipio.
Un dos primeiros puntos que abordaron foron as actividades previstas polo Concello para o mes de xuño ao abeiro do Día do Orgullo, entre as que se propuxeron colocar lonas coas cores do arco da vella dende a Casa Consistorial ata a igrexa ou realizar un desfile co alumnado do CPI Manuel Suárez Marquier a fin de semana do 26 de xuño.
Ademais de abordar cuestións como o Plan de Igualdade, as persoas participantes no consello falaron da posibilidade de facer unha guía de linguaxe inclusivo non sexista para o comercio local.
Outra das propostas feitas durante o encontro foi a de facer actividades no CPI relacionadas con mulleres traballadoras cualificadas, seguindo ao mellor a liña das realizadas polo CRA María Zambrano con mulleres relacionadas coa ciencia como protagonistas. Neste traballo de visibilización das mulleres o consello traballará sobre a idea de editar un caderno de notas no que colaboren ilustradoras locais e que recolla historias de mulleres, especialmente rosaleiras, con información interesante e pensado para diversos públicos.
As actividades educativas, lúdicas e culturais tamén se debateron nesta reunión, na que se propuxeron a realización de cafés faladoiros sobre cuestións como os micromachismos ou organizar xornadas dirixidas á mocidade para traballar a sexualidade e rachar con tabús. Tamén se suxeriron grupos como Alma guerrera e Pauliña ou a película ‘Sufragistas’ para incluír na axenda cultural do Concello.
Este Consello Municipal, composto por unha vintena de persoas de diferentes idades e perfís cunha gran calidade técnica en cuestións de igualdade, busca “seguir camiñando cara a un cambio de mentalidade da sociedade xeral e cara a un cambio de actitude e resposta ante as diferentes realidades que xiran arredor da muller dun xeito integral e comprometido”, explica a concelleira de Igualdade, Sara Vicente Salcidos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario