4 de maio de 2021

LABORAL

A CIG convoca folga no sector do metal da provincia de  Pontevedra para rexeitar “o convenio da traizón” 

O paro de media xornada coincidirá coa celebración dunha asemblea  comarcal de delegados/as en Vigo 


Delegados/as sindicais da CIG no sector do metal da provincia de Pontevedra mobilizáronse hoxe diante da sede de Asime en Vigo

Foto: CIG

Infogauda / Vigo 

 Ao berro de “non non non, ao convenio da traizón” uns 150 delegados/as sindicais da CIG no sector do metal da provincia de Pontevedra mobilizáronse hoxe diante da sede de Asime en Vigo para  rexeitar o convenio que cualifican “da traizón”, pactado entre as patronais e os sindicatos CCOO e UGT. Ao remate da protesta, o secretario comarcal da federación de Industria anunciou a convocatoria dun paro de  media xornada o vindeiro mércores 12 de maio, que coincidirá cunha asemblea comarcal de  delegados/as.  

 Co acto de hoxe a CIG arrincou a ofensiva contra o convenio do metal que leva deseñando nada  máis coñecerse que CCOO e UGT negociaran fóra da mesa co empresariado e chegaran a un acordo dous días antes de que se fixese efectiva unha convocatoria de folga no sector. O primeiro que fixo  a central sindical foi convocar unha asemblea de delegados/as do metal para analizar o contido dun  acordo que empeora incluso a última proposta da patronal e decidir a folla de ruta que hoxe  comezou. 

 Ademais da protesta desta mañá e da folga do día 12, a CIG convocou tamén unha manifestación comarcal en Vigo o próximo día 19 baixo o lema “Salvemos o naval. Polo futuro industrial da  comarca de Vigo”. A marcha, coa que se pretende denunciar o proceso de desertización industrial  que padece a bisbarra, simbolizado na grave crise que atravesa o naval, arrincará do cruce da  Dobrada ás 18:00 horas. Con todo, non é a última mobilización que a central sindical ten preparada, e aproveitará a asemblea do día 12 para anunciala. 

Parar a sinatura do convenio 

 Durante a mobilización de hoxe, o secretario comarcal da CIG-Industria de Vigo, Xulio Fernández,  explicou o xeito en que os sindicatos estatais e as patronais do sector consumaron “unha nova  traizón” aos traballadores/as do metal e repasou os aspectos máis lesivos que contempla o acordo, ao tempo que denunciou a estratexia de CCOO e UGT de pechar en falso os convenios facendo  concesións que precarizan as condicións laborais e renunciando a “dereitos históricos” conquistados grazas á loita da clase traballadora.  

 “Hoxe venderon a cláusula de eventualidade; que van vender mañá cando non queda nada? A nosa  dignidade? A nosa propia vida?”, preguntouse. Por iso chamou os empregados/as do sector a facer  unha demostración de forza e a seguir acumulando para cambiar a correlación de forzas nas  empresas. “Hai que ter claro a quen se vota nas eleccións sindicais”, sinalou. Mais tamén lle lanzou  un recado aos sindicatos estatais: “Nós estamos dispostos/as a seguir negociando, pero teñen que  reflexionar e comportarse como sindicatos de clase non asinando un acordo que precariza aínda  máis aos compañeiros/as eventuais”.

 Pola súa banda, o secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves, fixo fincapé en que a loita  obreira é o único camiño para conquistar melloras laborais e sociais. “Nada nos foi regalado nunca,  nin co pacto social nin nada, foi sempre foi coa loita”. Por iso amosouse convencido de que “ainda hai posibilidade de parar a sinatura do convenio, pero temos que presionar e deixarlles moi claro  que non imos permitir un ataque desta magnitude aos nosos dereitos”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario