13 de maio de 2021

LABORAL

A CIG de Vigo escenificou hoxe a morte do naval cunha  necrolóxica xigante diante da Subdelegación do Goberno 

A central sindical chama a participar na manifestación deste mércores  19 de maio en defensa do sector 


A Unión Comarcal da CIG de Vigo levou a cabo hoxe unha acción diante  das dependencias da Subdelegación do Goberno español na cidade

Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 A Unión Comarcal da CIG de Vigo levou a cabo hoxe unha acción simbólica diante  das dependencias da Subdelegación do Goberno español na cidade para denunciar a  “morte” do sector naval co despregamento dunha nota necrolóxica xigante. Durante o acto, máximo responsábel da central sindical na bisbarra fixo un chamamento a  participar na manifestación en defensa do sector que terá lugar este mércores 19. 

 A acción desenvolveuse ás portas das dependencias da Subdelegación, na rúa Teófilo  Llorente, ás 11:00 horas, onde un grupo de delegados/as e dirixentes da central  despregaron unha nota necrolóxica de gran tamaño na que se podía ler:  

<<Naval de Vigo D.E.P. 

O sector da construción e reparación naval de Vigo  desapareceu despois de ter xerado actividade durante décadas atinxindo máis de 10  mil postos de traballo. A incapacidade do capital privado para desenvolver as súas  enormes potencialidades e a deliberada inacción da Xunta de Galiza e do Goberno  español conduciron á súa desaparición, arrastrando con ela a industria auxiliar. As  crises provocadas en Vulcano e Barreras marcaron un punto de non retorno. Millares  de persoas desempregadas, emigradas e precarias lamentan a súa desaparición que  puido e debeu ser evitada>>. 

 Ao remate do acto, o secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves, lembrou  que a central sindical leva moito tempo alertando da situación límite que vive o sector naval. “Non podemos permitir que isto se converta na crónica dunha morte  anunciada, como quixemos escenificar hoxe”. 

 Por iso fixo fincapé en que é urxente, “de vida ou morte”, que tanto a Xunta como o  Goberno actúen xa, adoptando medidas para blindar a continuidade dun sector  “absolutamente vital e estratéxico” para a industria de Vigo. “Teñen que deixar de  mirar a outro lado mentres asistimos ao naufraxio do naval”. 

Intervención pública directa 

 Gonçalves considera que non se pode ficar impasibles mentres o antigo Vulcano segue avanzando cara a súa desaparición definitiva, cando Barreras está nun punto  crítico, sen carga de traballo á vista, e cando na industria auxiliar xa se destruíu no  último ano máis do 40% do emprego. 

 “Pero temos que advertir que non vale repetir unha e outra vez as mesmas solucións  en falso. O futuro do sector non pode pasar por seguir a meter diñeiro público nos  petos de accionistas privados que á mínima de cambio volven colocarnos no mesmo  punto de partida. Hai que acabar con esta espiral de fiascos e con este día da marmota permanente, onde cada poucos meses volvemos a estar ao borde do abismo”. 

 Segundo asegurou, a solución pasa por unha intervención pública directa, que faga  que a ría de Vigo volva contar cun estaleiro público ou semipúblico, que dote de  estabilidade e solvencia o sector. “Por iso queremos reiterar o chamamento a unha  gran mobilización comarcal, o próximo mércores 19 de maio desde a Dobrada ás  18:00 horas, baixo o lema 'Salvemos o naval! Polo futuro industrial da comarca de  Vigo', para reclamar de maneira firme o dereito a ter un traballo digno na nosa propia  terra”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario