6 de maio de 2021

GALICIA

O presidente da Xunta de Galicia compareceu este mediodía para dar conta das medidas acordadas polos expertos sanitarios 

Feijóo anuncia as novas medidas acordadas polo comité clínico para seguir avanzando na apertura gradual e medida e adaptarse á nova situación que se abre co fin do estado de alarma  

Destaca que desde o vindeiro domingo Galicia no seu conxunto deixará de ter peche perimetral, permitíndose a mobilidade para entrar e saír da Comunidade


O presidente da Xunta de Galicia na súa intervención de hoxe
Foto: X.G.

Precisa a ampliación de aforos e horarios na hostalería en función dos niveis de risco  

Salienta tamén as medidas para seguir avanzando na apertura das residencias e dos centros de día con máis saídas e un maior contacto familiar dos usuarios  

Lamenta que, ante o fin do estado de alarma, a única solución que ofreza o Goberno central sexa a de xudicializar a pandemia, de forma que os tribunais teñan que avalar moitas das medidas que se deban tomar a partir de agora


Infogauda / Santiago de Compostela

 O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, informou hoxe das novas medidas acordadas polo comité clínico para seguir avanzando no proceso de apertura gradual e medido, e adaptarse á nova situación que se abre co fin do estado de alarma.

 Nesta liña, afirmou que o Executivo autonómico seguirá escoitando aos expertos sanitarios que integran o comité clínico para tomar decisións, co obxectivo prioritario de xestionar a pandemia e protexer aos cidadáns dos riscos sanitarios, económicos e sociais.

 Así, en primeiro lugar, e a consecuencia do remate do estado de alarma, anunciou que desde o vindeiro domingo Galicia no seu conxunto deixará de ter peche perimetral, permitíndose a mobilidade para entrar e saír da Comunidade.

 Con este fin, precisou que se reforzará o Rexistro de viaxeiros. “Darémoslle unha maior visibilidade ao rexistro, e as persoas que cumpran coa obriga de apuntarse serán chamadas para realizar unha proba diagnóstica. No caso de que viaxen persoas cun certificado de vacinación, só terán que acreditar que o teñen; e os cidadáns que cheguen a Galicia en avión teñen a disposición un posto de cribado nos tres aeroportos”, precisou, ao tempo que anunciou a proposta de manter o peche perimetral naqueles concellos que se atopan no nivel máximo -os que superan os 500 casos de incidencia acumulada a 14 días-. Unha medida, aseverou, que terá que ser autorizada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

 Por outra banda, Feijóo explicou que, se ben o toque de queda se eliminará a partir do domingo, o sábado ampliarase ata a medianoite, para evitar a situación de que os cidadáns teñan que estar nas súas casas ás 23 horas e poidan volver saír a medianoite, co fin do estado de alarma.

 Así mesmo, resaltou o obxectivo de mantelo ás 23 horas naqueles concellos cunha situación epidemiolóxica de risco extremo, para o cal tamén se terá que contar co preceptivo respaldo xudicial.

 No tocante á hostalería, asegurou que se seguirán ampliando os horarios. Deste xeito: os bares poderán abrir ata as 23 horas; e os restaurantes terán agora ata a unha da madrugada. “Sempre mantendo os criterios establecidos no seu día, é dicir, que conten con licencia de restaurante, que funcionen con cita previa e conserven un rexistro de clientes e que garantan a calidade do aire e controlen o CO2 do local”, dixo.

 De acordo con estas medidas, o titular da Xunta afirmou que tamén se pedirá aval xudicial para limitar as reunións de non conviventes desde a unha ata as seis da mañá.

Medidas segundo os niveis de risco

 Feijóo aproveitou tamén a comparecencia para especificar como quedarían os niveis de risco establecidos e as restricións que implicarían. Ao respecto, e sobre o nivel máximo -cunha incidencia a 14 días superior a 500 casos-, as medidas que rexerán serán: non se poderá entrar e saír deles salvo por causa xustificada; haberá toque de queda entre 23 e 6 horas; a hostalería permanecerá pechada; e estarán prohibidas as reunións de non conviventes, unha cuestión para a que haberá que pedir o referendo das autoridades xudiciais.

 No caso do nivel alto -para taxas de entre 250 e 500-, as medidas serán: libre mobilidade; non haberá toque de queda; a hostalería poderá abrir só terrazas ao 50%; e estarán permitidas as reunións de catro persoas en lugares pechados e seis en exteriores, cuestión que terá que ser ratificada polos tribunais.

 Sobre o nivel medio -para incidencias entre 150 e 250-, Feijóo subliñou que para estes concellos establecerase: libre mobilidade, non haberá toque de queda, a hostalería terá un aforo do 30% no interior e do 50% no exterior, e permitirase a reunión de 4 persoas en lugares pechados e de 6 en exteriores.

 Por último, no nivel medio-baixo, é dicir, con taxas de menos de 150, establecerase: libre mobilidade, non haberá toque de queda, a hostalería ao 50% en interior e 75% en exterior, e poderán reunirse 4 persoas en lugares pechados e 6 en exteriores.

Novos avances nas residencias de maiores e nos centros de día

 Ao longo da súa intervención, Feijóo referiuse tamén ás medidas para seguir avanzando na apertura das residencias de maiores e dos centros de día. Así, nos centros de día que superen o 90% de usuarios vacinados: permitirase aos usuarios pasear pola contorna, sempre coa compañía dos seus coidadores; e nos centros de día que compartan instalacións cunha residencia, o persoal que estea vacinado poderá rotar entre ambos os centros.

 Nas residencias, os maiores poderán saír para pasar uns días coas súas familias -como mínimo cinco días e realizando unha PCR ou proba de antíxenos ao volver ao centro-, agás cando o domicilio da familia estea nun concello de nivel de risco máximo. Nas residencias situadas nos concellos cun nivel medio e medio baixo de risco, poderase pasar de 3 saídas por semana a un máximo de 5, de ata 4 horas cada unha. Por último, e durante as visitas dos seres queridos aos usuarios, poderá volver manterse o contacto físico.

Remata o estado de alarma pero non remata a pandemia

 Feijóo concluíu lamentando que ante o fin do estado de alarma a única solución que ofreza o Goberno central sexa a de xudicializar a pandemia, de forma que os tribunais teñan que avalar moitas das medidas que se deban tomar a partir de agora.

 “Remata o estado de alarma pero non remata a pandemia”, abundou, incidindo en que Galicia traballará para afrontar a nova situación na que ten que xestionar a pandemia con seguridade xurídica, con argumentos e co máximo rigor; “motivando todas as nosas decisións para obter a autorización do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario