13 de maio de 2021

CULTURA

O Museo de Pontevedra, a unha semana vista de abrir ao público a exposicion 'Galicia, de Nós a Nós' 

· A inauguración será o venres 21 ás 19 horas e contará coa presenza da presidenta e o vicepresidente da Deputación de Pontevedra; o director do Museo, o conselleiro de Cultura e o alcalde de Pontevedra, ademais dos comisarios da mostra


Exposición Galicia de Nós a nós
Fotos: D.PO.


Infogauda / Pontevedra  

 O Museo de Pontevedra acollerá dende o vindeiro xoves 20 unha das mostras máis importantes que recibirá este ano: ‘Galiza, de Nós a nós'. Trátase dunha exposición que aspira a ser a recompilación máis completa e ambiciosa realizada ata o de agora sobre a ‘Xeración Nós' e recolle obras procedentes de Francia, Alemaña e Portugal que amosan as conexión internacionais da revista, embaixadora da cultura galega con máis resonancia a nivel mundial na historia.  

 A pesares de abrir ao público o día 20 a inauguración oficial adíase ao venres 21 ás  sete da tarde, e contará coa participación da presidenta da Deputación de Pontevedra Carmela Silva Rego, o vicepresidente César Mosquera Lorenzo, o director do Museo de Pontevedra Xosé Manuel Rey García, ademais do conselleiro de Cultura  Román Rodríguez González, e do alcalde de Pontevedra Miguel Ánxo Fernández Lores. A mostra estará aberta ata o 11 de xullo.  

 Comisariada por Afonso Vázquez-Monxardín Fernández e Ana Acuña Trabazo, a exposición reúne máis de 300 pezas de 64 institucións e prestadores privados. Naceu co alicerce de servir como elemento que aglutine e reforce unha personalidade galega actual propia, ilustrada, universalista e aberta ás correntes de pensamento mundiais, como foi a emanada daquela iniciativa editorial nos anos vinte e trinta e daquel grupo humano que marcaron o devir de Galiza.  




 Nas tres salas do Museo nas que se distribúe, a mostra trasladará ás persoas visitantes desde o tempo dos considerados pais do galeguismo contemporáneo ata a actualidade, poñendo o foco na vixencia dos principios defendidos pola Xeración Nós, como a dimensión universal da cultura galega, a necesidade de ter unha voz propia no mundo e o carácter aberto e integrador de Galicia.  

 Abórdanse as ramificacións e a polisemia de ‘Nós' (grupo, xeración, revista, álbum…), xa que os amplos grupos interxeracionais que se moven arredor da revista son chaves no desenvolvemento das iniciativas anteriores, coetáneas e posteriores. Con todo, os nomes de Vicente Risco, Otero Pedrayo, Castelao, Cuevillas, Arturo Noguerol, Losada Diéguez e Cabanillas serán guieiros da exposición dende o inicio ao fin da mostra, xa que a Galiza de hoxe sería imposible de imaxinar sen a súa contribución.  

 Entre os puntos de interese recóllense o mapa que inspirou a Otero Pedrayo; o legado de Pondal nunha maleta; o Santiago Peregrino que Castelao trouxo da Bretaña; a primeira tese de doutoramento sobre lingua galega; a folga de fmae que conmoveu ao país; referencias de cando a BBC emitiu un programa en galego; ou as 134 portadas de Nós reunidas por vez primeira.  

 Ademais, reúne por primeira vez primeira documentación dispersa por distintos arquivos que ilustra o desenvolvemento da revista: estutos e títulos de socios da Sociedade Nós, recibos, suscricións, axenda, libro de contas, facturas ou correspondencia entre protagonistas, que permiten rastrexar o devir da publicación. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario