3 de maio de 2021

CULTURA

A Deputación de Pontevedra repite a cifra da edición de 2020 e recibe 38 obras para concursar no certame de Novos Valores 

Pechado o prazo de inscrición, o vindeiro día 10 de maio comeza o prazo para a presentación da memoria e as fotos das obras




Infogauda / Pontevedra 

 A Deputación de Pontevedra vén de recibir 38 obras para participar no certame de Novos Valores 2021, unha cifra que iguala á da edición anterior, cando se introduciron as novidades de que as persoas aspirantes non tiveran máis de 35 anos e do novo sistema de selección das pezas gañadoras.  

 Unha vez pechado o prazo da inscrición e validadas todas as persoas aspirantes, o vindeiro día 10 comezará a entrega da documentación técnica, que se prolongará ata o 23 de maio. Entón as persoas aspirantes deberán entregar a memoria da peza e a tipoloxía oa que concursan, cinco fotos da obra, o dossier con traballos previos para avalar a traxectoria artística, e tamén unha explicación do destino que darán á bolsa de Novos Valores no caso de gañala.  

 Entre as propostas presentadas o xurado, formado polo vicepresidente e o secretario da Deputación, o director do Museo de Pontevedra e cinco persoas de recoñecida traxectoria profesional elixirán as 25 propostas que consideren máis salientables. Xa na terceira fase entregaranse as obras (do 14 ao 18 de xuño), e montarase a exposición no Museo. Será entón, previamente á inauguración, canto o xurado se reunirá unha vez máis e concederá as catro bolsas gañadoras. Logo a mostra abrirase ao público entre o 8 de xullo e o 12 de setembro.  

 As catro bolsas gañadoras terán un importe de 7.500 euros cada unha e estarán destinadas a ampliar os estudos artísticos das persoas autoras, permitíndolle realizar novos proxectos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario