29 de maio de 2021

A GUARDA

Á VECIÑANZA DA GUARDA RECLAMA Á XUNTA DE GALICIA UNHA SANIDADE DIGNA

· E máis recursos humanos e materiais no Centro de Saúde da vila 

 

A cidadanía de A Guarda voltou a concentrarse este sábado para reclamar máis medios humanos e materiais no Centro de Saúde da vila


Infogauda / A Guarda

 Convocada pola Plataforma pola Sanidade Pública da Guarda, unha representación da veciñanza da vila guardesa concentrouse pacíficamente o mediodía deste sábado día 29 de maio de 2021, na Praza de Avelino Alonso para reclamar unha Sanidade digna e máis medios humanos e materiais no Centro de Saúde de A Guarda-

 "(....) levamos - lembrou Serafin Fernández, portavoz da Plataforma pola Sanidade Pública da Guarda - desde antes da pandemia  xuntándonos  para reclamar unha atención sanitaría digna no Concello da Guarda. A Consellería de Sanidade da Xunta de  Galiza sigue sen escoitar as nosas xustas reivindicacións.  

 A falta de medios humanos no Centro de Saúde da Guarda está provocando deficiencias moi graves na atención sanitaria no noso Concello. Hai moitas persoas que levan máis dun ano e medio sen un médico de referencia.  

 Temos a metade dos médicos que nos corresponden, o que  provoca unha atención claramente deficitaria. Houbo algúns días nas pasadas semanas que quedou o centro con un so médico o que provoca situacións caóticas.  

 Desde a Plataforma temos claro que non imos calar e estamos dispostos a seguir mobilizándonos ata conseguir o que por dereito nos corresponde: unha atención sanitaría de calidade.  

 Feixóo escoita…. A Guarda está en loita   

 A falta de médicas e persoal sanitario que padecemos é a consecuencia  dos constantes recortes e procesos de privatizacións acometidas na sanidade  polo Goberrno Galego nos últimos doce anos. Non podemos quedar calados e pídovos a todos e a todas as que estades aquí, que mentres esto non se amañe, faledes cos vosos veciños e  veciñas cos vosos familiares e amigos para que se xunten a nós e entre todos e todas  logremos vencer este proceso que destrue  a sanidade pública.  

 Non máis recortes na sanidade  

 Os servizos públicos de calidade son indispensables para manter uns mínimos de igualdade e xustiza sociais. Están xogando coa nosa saúde e non o podemos consentir.  

Sanidade pública e de calidade  

 Estamos fartos e fartas  de escoitar falar a responsables da Consellería de Sanidade e ao propio Presidente da Xunta do gran traballo feito por eles na Sanidade. Estamos fartos de propaganda porque levamos  soportando desde fai moito tempo,  a redución  de sanitarios e sanitarias e sofrindo  as consecuencias que provoca esta atención deficitaria.  

 Máis médicas. e menos propaganda    

 Feixóo atende... A sanidade non se vende

 Na pandemia do COVID 19, a Xunta de Galiza tomou a decisión de reducir drasticamente a asistencia presencial e apostar preferentemente pola consulta telefónica. As consecuencias son desastrosas: escasísimos profesionais que están ao límite cun agotamento físico e mental en moitos casos insoportábel, listaxes de espera de semanas (mesmo para atención telefónica), doentes crónicos indefensos. Impidámolo.  

Atención presencial e máis  persoal  

 Para rematar este acto imos dar paso a lectura do manifesto. Vai ler o manifesto Alvaro Lamas,  médico do centro de saúde da Guarda. Pero antes de darlle a palabra a Álvaro  imos deixarlle claro   a Xunta de Galiza e o seu Presidente que  si esto non se amaña…..seguiremos dando caña  

 Feixóo escoita:   

 Si esto non se amaña, seguiremos dando caña.   

Feixóo atende... A sanidade non se vende".

MANIFESTO POLA MELLORA DA SANIDADE PÚBLICA NA GUARDA

 A calidade na atención sanitaria que recibe a poboación da Guarda vese deteriorada cada día, cada semana, cada mes que pasa. Non por falta de implicación do persoal do centro, non. Non por falta de dilixencia ou dedicación, tampouco. A calidade deteriórase polas decisións que se toman desde a xerencia da área, a consellaría de Sanidade e a presidencia da Xunta.  

 Estas son as instancias en que se decide que parte do orzamento investir en Atención Primaria. Canto á contratación de persoal, como distribuir os recursos. Como cubrir unha ausencia ou mesmo se cubrir esa ausencia. Como sabemos, ao longo do último ano e de maneira sistemática, as ausencias prolongadas, nomeadamente de persoal médico, non se están a cubrir no Centro de Saúde da Guarda.  

 Cantas persoas non se viron xa na situación de explicar cada día os seus problemas desde cero a unha cara nova? Cantos non teñen familiares con doenzas crónicas practicamente na desatención? Esa é a situación de milleiros de persoas nesta vila. A que se debe isto?  

 A realidade é que nun centro que debería estar dotado de 8 médicos de familia e 2 pediatras, nos últimos meses só estamos tendo como máximo 4 deses 8 médicos de familia, 1 desas 2 pediatras. Este persoal non só asume a atención de todos os seus doentes, listas de arredor de 1.300 persoas, así como as súas urxencias. Tamén asume a atención urxente de todas as persoas que carecen, nestes momentos, dun médico de familia. Isto está a disparar as demoras na consecución dunha cita no Centro de Saúde, por riba dos 20 días de espera; e está a empeorar as condicións en que as profisionais poden atender e as persoas poden ser atendidas.  

 Así pois, non é un problema de falta de implicación. É un problema de falta de planificación por parte dos xestores do Sergas. É un cúmulo de decisións políticas, de recorte tras recorte, de anos de minado das bases do sistema público de saúde, de políticas discriminatorias cara as capas sociais máis desfavorecidas e as rexións xeográficas máis periféricas. Ese é o cerne da situación limite que vivimos na Guarda desde o punto de vista sanitario.   

 Desde a Plataforma pola Sanidade Pública da Guarda esiximos solucións XA á consellaría de Sanidade. Esiximos a dotación de forma estábel do persoal sanitario que o centro e a poboación da Guarda requeren. Non estamos dispostos a permitir quue se continúe a abandonar milleiros de persoas, a maltratar unha vila enteira. Non imos transixir co desmantelamento pinga a pinga do sistema de Atención Primaria, porque sen Atención Primaria non existe saúde pública.  

 Esta loita é común ás profesionais do centro e as persoas usuarias. As persoas que traballan no Centro de Saúde están vendo a súa saúde física e mental mermada, sacrificada para tratar de manter unha atención o máis digna posíbel nunhas condicións indignas. Porque a poboación é a que está a sofrer unha discriminación de carácter xeográfico e de carácter social, se temos en conta que as persoas máis desfavorecidas son precisamente as que máis precisan o sistema público de saúde. E porque a esa poboación e a súa correcta atención se debe o persoal do centro.  

 Non é casual que a Xunta, mediante insidias e medias verdades, trate de sementar a desconfianza entre usuarias e persoal sanitario, porque precisamente na unión destes dous segmentos na defensa dun sistema público digno, universal e de calidade, é onde os xestores da súa destrución ven o maior dos obstáculos para verificar os seus planos liquidadores. Todas as presentes recordarán que foi esa unión entre persoal e pacientes, e a unión de toda a vila de Verín, a que logrou gañar á Xunta o pulso por manter aberto o paritorio desa localidade. Ese é o medo que teñen os privatizadores.  

 Na defensa da sanidade pública e de calidade para a poboación guardesa, a Plataforma en defensa da Sanidade Pública da Guarda non vai dar un só paso atrás. Estamos dispostos a manter e incrementar as mobilizacións se a Xunta e a Consellería non dan un sinal de compromiso para solucionar a situación. Chamamos a toda a poboación da Guarda a participar deste movemento de protesta, porque a saúde é o que temos en xogo.  

FEIJÓO, ESCOITA, A GUARDA ESTÁ EN LOITA.  

SANIDADE PÚBLICA E DE CALIDADE.

Ningún comentario:

Publicar un comentario