A GUARDA MANIFESTARASE PARA ESIXIR UNHA ATENCIÓN SANITARIA DIGNA
O sábado día 29 de maio, ás 12:00 horas, na Praza de Avelino Vicente
Infogauda / A Guarda
A falta de medios humanos no Centro de Saúde de A Guarda está provocando deficiencias moi graves na atención sanitaria no Concello. Segundo refiren desde a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda “hai moitas persoas que levan máis dun ano e medio sen un médico de referencia. Este é o motivo polo que chamamos a todo o pobo da Guarda a concentración que se realizará este sábado día 29 ás 12 da mañá na Praza Avelino Vicente”.
Serafín Portela Fernández, portavoz da Plataforma manifesta: “Temos a metade dos médicos que nos corresponden, o que provoca unha atención claramente deficitaria. Houbo algúns días nas semanas pasadas que quedou o centro con un so médico o que provoca situacións caóticas”.
Un centro que debería estar dotado de 8 médicos de familia e 2 pediatras, nos últimos meses só esta atendido como máximo por 4 deses 8 médicos de familia e 1 desas 2 pediatras. Este persoal non só asume a atención de todos os seus doentes, listas de arredor de 1.300 persoas, así como as súas urxencias. Tamén asume a atención urxente de todas as persoas que carecen, nestes momentos, dun médico de familia. Isto está a disparar as demoras na consecución dunha cita no Centro de Saúde, por riba dos 20 días de espera e está a empeorar as condicións en que poden ser atendidas.
“A Plataforma en defensa da Sanidade Pública da Guarda non vai dar un só paso atrás e vai incrementar e endurecer as mobilizacións se a Xunta de Galiza non dá un sinal de compromiso para solucionar a situación. Chamamos a toda a poboación da Guarda a participar deste movemento de protesta, porque temos a saúde en xogo”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario