4 de maio de 2021

A GUARDA

OPINIÓN

AS REFORMAS DA PRAZA DE ABASTOS OU A IMPROVISACIÓN COMO CRITERIO

  

Anxo Lois Baz Vicente, portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda


Anxo Lois Baz Vicente*    

 A Praza de Abastos da Guarda ten ao noso entender grandes potencialidades.  Ofrece  alimentos de grandísima calidade cun  nível de especialización moi alto  en produtos   do mar e contamos  tamén cunha contrastada experiencia profesional. Reúne pois, as características idóneas para converterse na Praza de referencia de toda a contorna, se abordamos a súa reforma dun xeito integral e cun proxecto ben definido.   

 É sabido que unha praza destas características provoca sinerxias moi positivas para a dinamización do comercio da súa area de influencia  como ocorre en todas as localidades que desenvolven  reformas deste calado. 

 Por estes motivos, no mes de maio do 2020 o BNG  levou   ao pleno do Concello da Guarda a proposta de elaboración dun proxecto de reforma integral da Praza que nos permitira optar ao  recoñecemento de mercado de excelencia  por parte da Xunta de Galiza e así poder  contar coas  axudas que para tal fin dispón esta institución. A nosa proposta foi aprobada.  

 Lamentablemente, meses despois o grupo de goberno do PSOE, facendo caso omiso do acordo plenario, anunciou a reforma do pavimento da parte superior, un acceso a terraza e a mellora dun posto por un importe total de 40.000 €. Nese momento o BNG  cualificou este anuncio como un novo remendo máis que desvirtuaba radicalmente o acordo plenario comprometendo un proxecto  de futuro para a Praza.   

 A pasada semana o grupo de goberno socialista, anunciou novamente nos medios de comunicación esta obra. Aproveitaron este anuncio para informar  das inversións nas sucesivas reformas levadas adiante desde o ano 2013 que ascenden a nada despreciabel cantidade de 332.000€. Coa última obra aínda sen comezar anuncian tamén outra nova  reforma “estética” nos próximos dous anos por valor de 100.000€.  

 Sen dúbida con estas inversións racionalizadas, cun proxecto ben definido, que simplemente non existe, a Praza podería dar un salto cualitativo. Cunha cuantía non moi superior Tomiño logrou un mercado de excelencia e o Rosal cunha inversión bastante menor  vai camiño del.  

 Son actuacións propias dun goberno errático, sen proxecto, un goberno acabado que está dando as últimas rabexadas, gastando cartos sen criterio porque simplemente non sabe o que quere facer coa Guarda.  

 Non é nada novo, lembremos a idea  de doble carril de circulación que tiñan para Concepción Arenal, que por suposto non contemplaba a Praza de Avelino Vicente -unha Praza xa referencial  para os guardeses e guardesas a pesar da falta dunha ordenación adecuado do tráfico na súa contorna- e os permanentes desencontros coa área de mobilidade da Deputación de Pontevedra por seren incapaces de entender un deseño  adaptado a unha rúa comercial e de preferencia peonil real.  

 Conversando cos veciños e veciñas desto e doutras moitas cousas  tiro a seguinte conclusión, unha parte moi importante da sociedade guardesa camiña moi por diante de quen neste momento nos goberna. Estou convencido que vai ser o dinamismo desta sociedade quen en moi pouco tempo dará os pasos precisos para poñer en marcha outros xeitos de facer política porque simplemente A Guarda, non pode quedar atrás.   

*  Portavoz municipal do BNG na Guarda.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario