A Guarda acolleu unha homenaxe a Xela Arias
• Que tivo lugar na Praza do Reló, o pasado sábado día 22 de maio e foi retransmitida en directo
• Participaron alumnado e docentes do IES A Sangriña e representantes da Agrupación Cultural Guardesa
Infogauda / A Guarda
Dentro da programación de actividades no Mes das Letras Galegas, arredor de Xela Arias, a autora homenaxeada este ano, a concellería de Cultura do Concello de A Guarda, organizou unha homenaxe a poeta, editora, feminista e profesora, que celebrouse na Praza do Reló, o pasado sábado día 22 coa participación de alumnado e docentes do IES A Sangriña, e representantes da Agrupación Cultural Guardesa.
Xela Arias foi mestra no Instituto da Sangriña, e tralo seu falecemento o instituto mantivo viva a súa figura e a súa importancia como poeta convocando durante case unha década o Certame literario Xela Arias, cunha notable participación e calidade nos poemas seleccionados.
O Concello de A Guarda fixo un esforzo por divulgar a figura e a obra desta singular poeta, que cultivou un estilo propio, moi persoal e non suxeito aos estándares literarios da súa época. Deste xeito a programación que se está desenvolvendo foi pensada para sacar a súa obra á rúa e captar a atención dos veciños, para os amantes da literatura e tamén para os menos lectores, para que a coñezan e descubran algunhas das composicións que esconden fermosura, misterio, inconformismo,...
Así mesmo e tendo en conta que a vinculación de Xela coa nosa vila vén pola seu labor docente no IES A Sangriña, as actividades foron combinadas e ideadas en colaboración co Departamento de Lingua Galega do Instituto da Sangriña baixo o nome “Todas as poetas son tu e ningunha coma ti”, parafraseando un verso adicado ao seu fillo no libro Darío a diario (1996).
Igualmente contan coa participación doutra entidades como a Biblioteca Pública Municipal de A Guarda ou a Agrupación Cultural Guardesa.
Unha das actividades que continuará ata fin de mes é a exposición de poemas polos comercios de A Guarda, que integra versos da autora nos seus escaparates xerando así unha ruta literaria pola vila, sorprendendo aos transeúntes e curiosos con poemas escollidos de entre toda a súa obra.
E para pór broche de ouro ao Mes das Letras Galegas na Guarda, o vindeiro sábado día 29 deste mes, ás 19:00h., no Centro Cultural, representarase unha proposta escénica - titulada “Vencerse é cousa de se tratar” - inspirada no último libro - Intempériome - publicado en 2003 por Xela Arias.
“Vencerse é cousa de se tratar” ten unha significación especial, xa que trátase da posta en escena dun recital que Xela estaba preparando co músico Fernando Abreu no momento do seu falecemento. Dentro do traballo de preparación previo a ese recital quedaron gravados certos poemas na voz de Xela. As gravacións foron recuperadas por Abreu, así como o espírito do espectáculo e deron forma a esta proposta na que participan agora o propio Fernando Abreu como director artístico e músico, Mónica DeNut na lectura dos poemas, Pablo Carrera á guitarra e Roi Fernández a cargo do contido audiovisual.
O acto público do día 29 de maio conta, como ven sendo habitual, cun protocolo COVID-19 e é preciso anotarse cunha semana de antelación en centrocultural@aguarda.es
Ningún comentario:
Publicar un comentario