5 de abr. de 2021

TURISMO

Grande acollida das rutas guiadas polos muíños do Folón e do Picón 

· Organizadas polo Concello do Rosal

· As 24 prazas dispoñibles enchéronse en cuestións de horas. Familias e grupos de amigos procedentes do Baixo Miño, Val Miñor e Vigo, perfil maioritario  

 

          Vista parcial do conxunto etnográfico dos muíños do Folón e do Picón no Concello do Rosal - Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal  


 Grande acollida das rutas guiadas polos muíños do Folón e do Picón organizadas polo concello do Rosal para esta Semana Santa. O éxito da proposta reflíctese no rápido que se cubriron as tres quendas propostas, con 24 prazas totais dispoñibles que se encheron en cuestión de horas. Un percorrido de 3,5 km cun guía autorizado co que as persoas participantes coñeceron a contorna, a súa historia e os valores patrimoniais desta singular zona rosaleira. “Queriamos ofrecer unha alternativa para desfrutar destas vacacións dun xeito seguro e en plena natureza, descubrindo a todas as persoas visitantes un dos recunchos máis fermosos do noso municipio”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.  

 O perfil maioritario das persoas participantes foron familias ou grupos de amigos tamén con nenos e nenas procedentes de poboacións da contorna: do propio Baixo Miño, do Val Miñor e de Vigo. Xente que en moitos caos xa coñecía o lugar tras visitalo de xeito libre ou tras participar nalgunha edición do Trail Adventure Muíños do Folón e que tiñan interese en participar nunha actividade guiada na que se explicase a historia desta peculiar formación de 61 muíños construídos en fervenza hai séculos. A idade dos participantes foi do máis variada, dende nenos e nenas a partir de 9 anos ata persoas de máis de 70, reforzando a idea de que se tratan de rutas pensadas e adaptadas para todos os públicos. 

 Durante a visita, ademais de coñecer a historia da contorna, as persoas participantes tamén puideron ver funcionando o muíño número 1 e recibir unha explicación do funcionamento destas construcións con el en marcha. Ademais, puideron ver diferentes variedades de fariña de millo que se dan en Galicia pero que son pouco coñecidas.  

 As rutas realizáronse con todos os protocolos de seguridade establecidos polas autoridades sanitarias, con grupos de aforo reducido e respectando todas as medidas de prevención.

Ningún comentario:

Publicar un comentario