10 de abr. de 2021

TOMIÑO

O Concello de Tomiño reformará o parque do Campo da Feira para integralo no espazo público peonil do Seixo  

· A actuación conectará a rúa da Feira coa praza municipal e mellorará a accesibilidade para os peóns ampliando as beirarrúas   


                             As infografías amosan un avance do aspecto final que terá á actuación prevista - Fonte: Concello de Tomiño

Infogauda / Tomiño 

 O parque urbano do Campo da Feira, situado moi preto da praza municipal, atópase na actualidade conectado a este espazo a través da Rúa da Feira, urbanizada con beirarrúas estreitas e de difícil accesibilidade para o uso peonil, o que sumado ao muro de granito que o rodea provocan que estea afastado e agochado do resto do núcleo urbano. O feito de ter que cruzar a avenida Gondomar, que conta cun elevado tráfico, tamén facilita este illamento.  

 É por estas cuestións que o Concello de Tomiño levará a cabo un proxecto de reforma que o incorpore ao espazo público peonil do núcleo do Seixo, achegándoo ao resto dos equipamentos a través da mellora da accesibilidade para os peóns e favorecendo a súa percepción como un elemento integrado e atractivo.  

 O equipo de goberno municipal que preside á alcaldesa Sandra González Álvarez, salienta que "a intervención terá varios eixos cos que se pretende levar a cabo a integración. Por un lado conectarase a Praza do Seixo coa Rúa da Feira a través dun gran espazo en plataforma única, no que os vehículos se eleven de cota ata a plataforma da Praza, tratándoo como un espazo de prioridade peonil.  




 Tamén se creará unha beirarrúa de 3,50 metros na rúa da Feira, mellorando a accesibilidade e favorecendo o uso peonil do espazo público, dotándoa de árbores ornamentais e bancos. A rúa Santa María de Oia, situada fronte ao parque, pasará a ser unha prolongación do mesmo coa creación dunha plataforma única que sitúe a estrada e as beirarrúas ao mesmo nivel. Pasará a ser un espazo peonil con tratamento compartido, pavimentada con adoquíns e formigón do mesmo xeito que a rúa Buenos Aires e a Praza da Mina.  

 Retirarase o muro que separa o parque da rúa, facilitando á súa integración, substituíndo por un banco en forma de zigzag e xerando áreas de estancia. Tamén irá acompañado dunha estrutura luminosa coa mesma forma, coa que se mellorará a iluminación do espazo e contribuíndo a crear unha percepción de espazo aberto e acolledor. Con todo, a intervención non só conservará a vexetación existente no parque, senón que servirá para realzar a súa visibilidade, poñendo en valor unhas árbores de gran relevancia histórica presentes no lugar desde a época na que se realizaba a tradicional feira do gando.  

 A actuación dará como resultado a creación dunha área moderna e contemporánea, continuando coa aposta da recuperación do espazo público para as persoas a través do fomento da mobilidade peonil e poñendo tamén en valor a arquitectura co uso de iluminación específica que resalte o seu atractivo.  

 O proxecto atópase en prazo de presentación de ofertas ata o vindeiro 20 de abril e conta cun orzamento base de licitación de 250.000 euros financiados ao abeiro do Plan Concellos 2020".

Ningún comentario:

Publicar un comentario