29 de abr. de 2021

PONTEVEDRA

Os pasos fronteirizos con Portugal rexistran unha afluencia media de 6.903 persoas  e 5.315 vehículos cada día 

A Policía Nacional, a Policía Adscrita e a Garda Civil  realizaron 2.561 controis na provincia durante os  últimos dez días 

· A subdelegada do Goberno presidiu esta mañá a xuntanza do Centro de  Coordinación Operativa (CECOR) na que se fixo balance das accións de  control e prevención levadas a cabo polas Forzas e Corpos de  Seguridade na provincia. Larriba analizou xunto aos responsables  policiais as cifras de controis na fronteira. 


A subdelegada do Goberno en Pontevedra presidiu hoxe unha nova reunión por videoconferencia do Centro de Coordinación (CECOR) provincial - Foto: S.do G.

Infogauda / Pontevedra

 A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu hoxe unha nova reunión por videoconferencia do Centro de Coordinación (CECOR) provincial establecido para o seguimento dos  dispositivos de seguridade vencellados á actual situación sanitaria. Ao encontro  asistiron o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Simón  Venzal; o comisario xefe accidental da Comisaría de Vigo-Redondela, Juan  José Díaz; o comisario provincial accidental de Pontevedra, Camilo Loureiro; o  inspector xefe da Policía Autonómica, Diego González; a inspectora xefa UPAVigo, Sheila González; e o xefe territorial da Vicepresidencia Primeira e  Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, Ramón Pereiro. 

 Durante a reunión, as Forzas e Corpos de Seguridade fixeron balance das  actuacións levadas a cabo durante os últimos catorce días para vixiar o  cumprimento das medidas aprobadas pola Xunta de Galicia. En total, do 19 ao  28 de abril, a Garda Civil, a Policía Nacional e a Unidade de Policía  Adscrita levaron a cabo 2.561 dispositivos de control e vixilancia sanitaria nos que participaron 2.792 axentes, se identificaron a 8.261 persoas, se  controlaron 5.403 vehículos e se elevaron 255 propostas de sanción. Ademais, as autoridades policiais levaron a cabo 2.254 inspeccións en  establecementos hostaleiros da provincia, onde interpuxeron 11 sancións. 

 No que respecta á Garda Civil, este corpo realizou durante os últimos dez días 2.259 controis nos que participaron 1.782 efectivos. Nestes operativos 6.921  persoas foron identificadas, 4.948 vehículos foron controlados e 29 persoas  foron sancionadas. En particular, no ámbito da hostalaría, a Garda Civil realizou  1.690 controis e interpuxo 9 sancións. 

 Pola súa banda, a Policía Nacional levou a cabo 210 controis na provincia que  contaron coa participación de 798 axentes. Nestes dispositivos foron  identificadas un total de 1.163 persoas e 427 vehículos e se elevaron 213 propostas de sanción. Na hostalaría, a Policía Nacional realizou 370 controis e  interpuxo 1 sanción. 

 Por último, a Unidade de Policía Adscrita de Galicia organizou 92 dispositivos  nos que identificou a 177 persoas, controlou 28 vehículos e interpuxo 13 propostas de sanción. Nestes dispositivos participaron 212 axentes  autonómicos. No ámbito da hostalaría, este corpo levou a cabo 194 inspeccións en establecementos e interpuxo 1 sanción.  

 A subdelegada do Goberno salientou que, unha semana máis, “as cifras  amosan o alto grao de responsabilidade e cumprimento das normas por parte  da cidadanía da nosa provincia. O grao de concienciación e coñecemento e  cada vez maior o que se evidencia nunha taxa de sancións moi baixa”. Así  mesmo, Larriba quixo destacar o alto cumprimento da normativa no ámbito da  hostalaría, onde apenas se rexistraron infraccións.  

 Non obstante, a subdelegada alertou de que a provincia conta esta semana cun  concello en nivel de restricións máximas –Vilanova de Arousa–, e que xa son  cinco as vilas de Pontevedra cun nivel de restricións altas. “En sete días a  provincia pasou de ter só un concello neste nivel de restricións, Marín, a ter  cinco –Marín, Meaño, O Grove, Ponteareas e Salceda–, o que evidencia a  importancia de non baixar a garda e continuar a extremar as medidas de  prevención”, explicou.  

Controis nos pasos fronteirizos con Portugal 

 Segundo os datos proporcionados polos responsables da Policía Nacional,  193.302 persoas e 148.830 vehículos foron identificadas durante o mes de abril  nos tres pasos fronteirizos que permanecen abertos na nosa provincia.  Ademais, do 1 ao 28 de abril, o corpo policial denegou 838 solicitudes de  entrada ao noso país. Desde o pasado 29 de xaneiro, o Corpo Nacional de  Policía vixía o cumprimento do peche da fronteira terrestre con Portugal.  

 No paso fronteirizo de Tui, situado na A-55 e o único que permanece aberto as  24 horas do día na nosa provincia, rexistrouse novamente a maior afluencia de  tránsito. Larriba informou que nos dispositivos de vixilancia levados a cabo  neste paso fronteirizo durante o último mes, controláronse 178.922 persoas e  137.548 vehículos. Ademais, producíronse 670 denegacións de entrada. Esta localidade aglutina o 92,6 % do tránsito transfronteirizo de persoas e vehículos  que se rexistra na nosa provincia. En total, segundo indicou a subdelegada, por  esta localidade cruzan unha media de 6.390 persoas e 4.912 vehículos cada  día.  

 Pola súa banda, no paso fronteirizo de Salvaterra do Miño controlouse, durante  o mes de abril, o tránsito de 12.136 persoas e 9.588 vehículos. Por este punto,  no que se rexistraron 101 denegacións de entrada do 1 ao 28 de abril, acceden  a Portugal cada día unha media de 639 persoas e 505 vehículos. Este paso  rexistrou no último mes un incremento do tráfico de vehículos de case o 14 %. 

 No paso de Arbo, 2.244 persoas e 1.694 vehículos foron controladas durante o  mes de abril. Durante este mesmo período, neste paso -que rexistra unha  afluencia diaria de 118 persoas e 89 vehículos-, as autoridades denegaron a  entrada ao país a 67 persoas.  

 Na actualidade, estes dous pasos están abertos das 7 h as 10 h da mañá e das  18.00 a 21.00 h, favorecendo así o tránsito de mercadorías e persoas entre os  dous países.  

 A prórroga do peche fronteirizo remata ás 00.59 horas do 1 de maio, aínda que como lembrou a subdelegada “a reapertura está supeditada ao acordo que chegue o Parlamento de Portugal mañá venres”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario