29 de abr. de 2021

LABORAL

COMITÉ EMPRESA DE UNÍSONO VIGO

FOLGA 24 HORAS 30 DE ABRIL  

 O Comité de Empresa de Unísono Vigo, informa que este venres, 30 de abril, todas as persoas que traballan actualmente para a empresa en Vigo están chamadas a participar nunha xornada de folga de 24 horas de duración (dende as 00:00 ata as 24:00), polos reiterados abusos e incumprimentos de Unísono. 

 Xa durante a chegada da pandemia de coronavirus e posterior confinamento, o persoal tivo que soportar unhas condicións de traballo nas que brillaban pola súa ausencia as medidas preceptivas de prevención, o que ocasionou durante o mes de marzo do pasado ano, incluso unha paralización da actividade. 

 Despois, a medida que a empresa ía enviando a teletraballar as empregadas e empregados, en moitas ocasións se fixo dunha maneira irregular, arbitraria e incluso sen facilitar os medios. Dos gastos derivados desa situación, que tivo que soportar o persoal, a día de hoxe, Unísono non abonou nin un euro, vindo de rematar unha negociación a nivel empresarial na que non houbo acordo pola mísera proposta da Dirección.  

 Ademais do anterior, a presión sobre o persoal é insoportable, con establecemento de obxectivos inxustos e inalcanzables, e coa ameaza de ter que retornar ao centro de traballo se non os acadas, ademais da produtividade esixida noutras campañas. Non facilitou ningún medio ao Comité para poder contactar coas traballadoras e traballadores. E hai un incumprimento reiterado da desconexión dixital, enviando correos, mensaxes e incluso chamadas a calquera hora. 

 E a última pretensión de Unísono é que o persoal se instale nos seus dispositivos móbiles persoais unha aplicación para poder seguir desenvolvendo o seu traballo. Se o persoal non accede, chantaxea e ameaza coa volta ao traballo presencial. Hai que lembrar que Unísono gábase de ter ao 98% do cadro de persoal en situación de teletraballo como medida de contención dos contaxios de coronavirus. A actuación correcta sería seguir mantendo as medidas preventivas adecuadas e facilitarlle ao persoal dispositivos de empresa, requisito que ten que cumprir por Lei, e non solicitarlle que utilice os seus propios dispositivos para cumprir cunha esixencia empresarial baixo coacción de que se non o fan, volverán ao traballo en plataforma. Estase a falar de máis de 400 persoas que volverían ao traballo presencial, que neste momento son as afectadas por esta condición da empresa, pero que nalgún momento podería afectar á totalidade do cadro de persoal (sobre 1.000 traballadores e traballadoras). 

 Unísono xoga coa saúde do persoal e o persoal decide dicir: Basta Xa! 

(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario