20 de abr. de 2021

PONTEVEDRA

Os responsables policiais relacionan a fátiga pandémica co aumento deste tipo de  delitos 

Larriba alerta sobre o crecemento dos delitos de  lesións, malos tratos, ameazas e coaccións na  provincia  

· A subdelegada do Goberno presidiu esta mañá a reunión da Xunta  Provincial de Seguridade na que se analizaron os principais datos sobre  delincuencia e infraccións penais rexistrados na provincia durante os  últimos 45 días. 


A subdelegada do Goberno en Pontevedra,  Maica Larriba, presidiu hoxe a celebración da Xunta Provincial de Seguridade - Foto: S.do G.

Infogauda / Pontevedra

 A subdelegada do Goberno en Pontevedra,  Maica Larriba, presidiu hoxe a celebración da Xunta Provincial de Seguridade  na que se analizaron as cifras de delincuencia e infraccións penais rexistradas  na provincia durante o mes de marzo e os primeiros quince días do mes de  abril.  

 A subdelegada advertiu que “a pandemia da COVID-19 e o confinamento  domiciliario vivido durante o ano pasado fan que os datos de 2020 sexan unha  anomalía polo que ao facer a comparativa interanual todos os índices son superiores”. Larriba sinalou tamén que os cambios na normativa sanitaria  provocaron unha maior mobilidade das persoas ao longo do mes pasado e  desta primeira quincena de abril, o que se traduciu nun incremento das  infraccións penais nestes últimos 45 días. 

 Non obstante, a subdelegada quixo subliñar que “aqueles parámetros que  inciden na percepción dos veciños e veciñas sobre a súa seguridade seguen  rexistrando un descenso sobre os meses anteriores”. Neste sentido, cabe  destacar que os roubos con violencia descenderon nun 30 % na provincia e os  roubos con forza en vivendas e establecementos caeron nun 25 por cento % en  comparación co mesmo período do ano anterior. 

 Sen embargo, os delitos de estafas en Internet creceron nun 14,60 % respecto  ao ano 2020, así como os delitos leves de estafas con tarxetas de crédito, que  rexistraron un incremento interanual do 178 %.  

 Larriba alertou tamén sobre “o preocupante o aumento das lesións, os malos  tratos, as ameazas e as coaccións, que no último mes creceron nun 55 %”.

 Unha cifra que, segundo os últimos datos, parece consolidarse durante a  primeira quincena de abril. Os responsables policiais sinalan a “fatiga  pandémica” como a posible causa do aumento deste tipo de delitos.  Durante a súa reunión, os integrantes da xunta tamén abordaron a situación  das ocupacións. 

 Durante o 2020 producíronse un total de 51 ocupacións en toda a provincia, concentrándose nas grandes cidades. Larriba explicou as  características comúns destas ocupacións, que “a meirande parte das veces  prodúcense en vivendas baleiras e, en moitas ocasións, en infravivendas. En  liñas xerais, son ademais ocupacións de poucos días, xa que os ocupantes  adoitan abandonar a vivenda tras a intervención policial”.  

 No primeiro trimestre de 2021 producíronse un total de 19 ocupacións, aínda  que segundo apuntou a subdelegada “6 delas permanecen desde o ano pasado  nun edificio propiedade da banca e cuxos ocupantes néganse a abandonar”.  Para Larriba é importante subliñar, neste sentido, que “a ocupación non é un  problema real nesta provincia, a diferenza do que ocorre noutras zonas do país.  En Pontevedra invádense propiedades baleiras e na meirande parte das  ocasións estas son infravivendas”.  

Aumento dos ciberdelitos e descenso dos roubos en Pontevedra, Vigo e  Vilagarcía 

 Durante o encontro, os principais mandos policiais analizaron tamén os datos  por concellos, destacando o descenso rexistrado no municipio de Pontevedra  nos roubos con forza en vivendas, que caeron nun 75 % respecto ao mesmo  período do ano pasado. Non obstante, aumentaron os furtos, pasando de  denunciarse 3 durante marzo de 2020 a 6 en marzo de 2021. Así mesmo,  tamén se incrementaron as estafas leves por Internet nun 400 %. Ademais,  durante o mes de marzo de 2021, en Pontevedra contabilizáronse 238  infraccións penais, unha cifra superior á rexistrada durante marzo de 2020, mes  no que se rexistraron 130 infraccións penais. 

 En Vigo, descenderon os roubos con violencia nun 27 %, os roubos con forza  en establecementos nun 53 % e as subtraccións de vehículos nun 41 %. Non  obstante, as estafas con tarxetas de crédito se incrementaron nun 164 %.  

 Por último, en Vilagarcía de Arousa rexistrouse un descenso do 33 % dos  roubos con forza en vivendas e nas subtraccións de vehículos, que se  reduciron nun 50 %. Pero, como no resto das cidades analizadas, as estafas  con tarxetas de crédito aumentaron nun 100 %.  

 Na xunta provincial de seguridade participaron o tenente coronel e xefe accidental da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Manuel Touceda; o comisario xefe accidental da Comisaría de Vigo-Redondela, Juan José Díaz; e  a comisaria provincial de Pontevedra, Estíbaliz Palma.

Ningún comentario:

Publicar un comentario