O Concello do Rosal incorpora 10 novas contratacións ao abeiro do Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra
· Dentro da Liña 3 para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais e cun orzamento de máis de 129.000 euros
Infogauda / O Rosal
O Concello do Rosal acaba de incorporar ao seu persoal 10 novos traballadores e traballadoras contratados a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para o ano 2021, ao abeiro da liña 3 destinada ao emprego para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais. Estas dez persoas, todas inscritas como demandantes de emprego, foron as que obtiveron as puntuacións máis altas na baremación de méritos e nas probas prácticas realizadas nos últimos días.
Estes novos empregados e empregadas terán contrato a xornada completa por un tempo que oscilará entre os sete e os case nove meses de contrato, dependendo do posto ocupado. Así, contratáronse 4 operarios para a recollida de lixo e para a limpeza viaria e forestal, un condutor-operario de maquinaria forestal, un auxiliar de axuda no fogar, tres oficiais de obras albanel e un oficial electricista. Ademais creouse unha lista de agarda co resto de candidatos que superaron o proceso selectivo. Estas contratacións constituirán un gasto de máis de 129.000 euros, dos que a subvención cubre case o 98%.
Dende o Concello quérese trasladar o agradecemento a todo o persoal técnico que se encargou de realizar as probas deste proceso selectivo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario